Souto de Vea ás escuras


Esixímoslle ao goberno do PP a tomar medidas e mellorar o tramo vial do núcleo urbano do Souto de Vea, que coa choiva volven aflorar os mesmos problemas de sempre

Desde o BNG da Estrada denunciamos que o núcleo urbano de Souto de Vea leva varios días ás escuras, xa que as luces públicas non funcionan. Este novo problema, unido ao tramo vial sen pintar, que xa temos denunciado en varias ocasións, fan este tramo urbano perigoso e inseguro para os veciños e veciñas. Non é de recibo que estes teñan que agardar o autobús ou andar pola beirarrúa ás escuras.

Esixímoslle ao goberno do PP a tomar medidas e mellorar o tramo vial do núcleo urbano do Souto de Vea, que coa choiva volven aflorar os mesmos problemas de sempre: fochancas, charco-piscina no único paso de peóns do Souto de Vea, auga correndo pola vía, … e por suposto vial sen pintar, nun tampo polo que pasan centos de coches todos os días.

Sabemos, porque o dixo o alcalde en pleno, que o Souto de Vea non é unha prioridade para este goberno. Ao mellor é que segue a mesma estratexia de Rueda na Xunta de Galiza: canto peor estea a situación, neste caso no Souto de Vea, mellor para os intereses electorais do PP, mais os veciños e veciñas saberán tomar boa nota deste abandono por parte do goberno municipal.