BNG denuncia que o concello carece de servizo de limpeza de emerxencias sanitarias na fin de semana


Xoán Reices: “Isto é moi grave, xa que falamos de restos orgánicos que poden acusar enfermidades e contaxios e teñen que ser tratados por persoal especializado; non é de recibo que teñan que ser os veciños e veciñas os que fagan a limpeza”.

A Estrada, 28 de novembro de 2022: No día de onte produciuse unha emerxencia sanitario na entrada dun dos edificios da Avenida de América que requeríu a asistencia dos servizos sanitarios. Os veciños e veciños ao chegar atoparon restos de sangue e material cirúrxico diverso ensanguentado, e chamaron á policía local para se activara o servizo de limpeza deste tipo de restos orgánicos. A sorpresa maiúscula da veciña que fixo a chamada é que, segundo lle explicou a policía local, o concello non conta con estes tipo de servizos na fin de semana e que a única alternativa é que o limparan os familiares das vítimas ou os propios veciños do inmóbel.

O candidato do BNG á alcaldía, Xoán Reices, afirmou que “é inconcibíbel que o noso concello non teña este tipo de servizos durante a fin de semana”. “Afortunadamente este tipo de emerxencias non se dan todos os días, pero non é de recibo que ao final teñan que ser a propia veciña do inmóbel que deu aviso á policía a que limpe a entrada”, engadiu, “e o que xa é surrealista é que teñan que ser as familias das vítimas da emerxencia os que teñan que limpar; estas teñen outras preocupacións máis importantes”.

“O alcalde presume do Lidl, presume do Mercadona, presume das luces do nadal,… todo moi bonito”, afirma Reices, “pero non é normal que os restos orgánicos dunha emerxencia sanitaria as teñan que limpar os propios veciños e veciñas”. “Non é normal, porque estes restos poden causar unha infección, o contaxio dunha enfermidade, etc e ten que ser persoal especializado o que trate con este tipo de restos”, afirma.

“Desde o BNG instamos ao alcalde a ser sensíbel con este tipo de servizos,” afirma Reices, “porque son os que marcan a diferenza entre un concello de primeira, que mira polo benestar dos veciños e das veciñas, ou un concello de segunda, que só pensa nas luces de neón”. “Este tipo de cousas non poden volver a pasar, sexan o día que sexan”, afirma.