O goberno municipal do PP ten que velar polos intereses laborais das traballadoras do SAF


O concello está incumprindo a lei de contratos da administración pública, xa que a adxudicación rematou en 2019

O BNG insta ao goberno municipal do PP a municipalizar o SAF. Un servizo público é garantía dun mellor servizo e tamén garante o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras

Desde o BNG da Estrada transmitimos todo o noso apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar da Estrada, que desde hai varias semanas manteñen abertas mobilizacións reivindicando melloras salariais e laborais á empresa Axuda SAF SL.

O concello da Estrada adxudicou o servizo de axuda no fogar a esta empresa en 2015 por 1.019.587 euros, por dous anos prorrogábeis a un máximo de catro. Segundo nos transmitiron traballadoras deste servizo municipal privatizado, a empresa non repercute salarialmente o traballo que realmente desenvolven as empregadas, facendo máis horas das que cobran, non pagando os desprazamentos, sobrecargando as xornadas… mais logo ao final do mes todo este traballo desenvolvido non repercute na nómina.

Cremos que este é un grave incumprimento por parte da empresa adxudicataria e o goberno municipal do PP e en especial o alcalde non pode permanecer impasíbel ante a situación das traballadoras do SAF, que recordamos unha vez máis, están prestando un servizo municipal.

Polo tanto, desde o BNG da Estrada entendemos que a empresa adxudicataria non pode aumentar os beneficios a conta do traballo das traballadoras do SAF. Instamos ao goberno municipal do PP a velar polos intereses laborais do persoal deste servizo municipal privatizado.

Municipalización do servizo de axuda no fogar

Por outra parte, desde o BNG da Estrada denunciamos que o concello está incumprindo a lei de contratos da administración pública, xa que esta adxudicación expirou en 2019, e desde entón non caben máis prórrogas.

Neste sentido, e dado que este servizo estase prestando de xeito irregular desde 2019, cremos que é o momento de que o goberno municipal do PP aposte por municipalizar o servizo de axuda no fogar, incorporando ao cadro de persoal do concello ás traballadoras actuais deste servizo, xa que, segundo a lei de servizos sociais de Galiza, este tipo de axudas é algo que compete en exclusiva aos concellos.

Un servizo público sempre é a mellor garantía dun mellor servizo para os veciños e veciñas, neste caso para os usuarios e usuarias do SAF, e tamén unha garantía de que se cumpren os dereitos laborais das traballadoras.