
Xoán Reices afirmou que “o comercio local na Estrada ten unha grande transcendencia e importancia, e historicamente é unha grande dinamizador da economía do concello”.
O BNG da Estrada ven de presentar como cada ano a campaña coa que desde a formación nacionalista pretenden concienciar da necesidade de apostar polo pequeno comercio e polo produto de proximidade.
O candidato do BNG, Xoán Reices, fixo un chamamento “a consumir no comercio local e a consumir produto local, tanto fresco como manufacturado, sempre que teñamos esta opción”, Reices subliñou as vantaxes de apostar pola produción local. “A calidade está garantida e, ademais, estamos deixando a riqueza no concello fomentando a creación de emprego e fortalecendo un sector esencial para o dinamismo económico e social de vilas e cidades”.
Para impulsar e promover un sector chave, tanto desde o punto de vista económico como da creación de emprego, o BNG pon sobre a mesa unha batería de propostas, comezando por promover unha nova Lei de comercio “adaptada á realidade actual e que reforce o papel do comercio de proximidade na economía galega, unha nova lei que, por exemplo, regule horarios e regule as tempadas de rebaixas porque a lexislación liberal do PP está feita á medida das grandes áreas”.
Igualmente, o Bloque propón unha moratoria na instalación de grandes superficies comerciais, “porque é un modelo saturado que ademais xera problemas na trama urbana das vilas e ten prácticas que dificultan a supervivencia do comercio de proximidade”.
Ademais dunha lexislación que protexa o comercio local, os nacionalistas propoñen “un Plan Integral de Promoción do Comercio de Proximidade, elaborado previa diagnose e coa participación de todos os actores implicados. Un plan que permita ao sector superar esta crise e fortalecerse ganando en competitividade, para o que o Bloque presentou unha emenda orzamentaria de 19,5 millóns de euros para iniciar a súa posta en marcha”.
Xoán Reices afirmou que “o comercio local na Estrada ten unha grande transcendencia e importancia, e historicamente é unha grande dinamizador da economía do concello”.
Neste senso avanzou que é preciso desenvolver políticas de rexeneración urbana, “en todo o casco urbano, non só na rúa Calvo Sotelo como fai o goberno do PP, que é onde concentra toda a súa actuación urbanística”.
Reices foi claro, “se a veciñanza nos da a súa confianza, poñeremos en marcha un plan de revitalización do comercio que se artellará en 3 liñas de actuación, innovación e competitividade, incentivos ao comercio e promoción e impulso da actividade comercial.
A campaña desenvolverase nas vindeiras semanas co reparto de dípticos informativos entre a veciñanza e a visita a establecementos comerciais ao longo de toda a vila.