As improvisacións de última hora non farán aumentar a poboación do noso concello


Primeiro o “Baby Box”, agora o empadroamento express, o goberno de López acaba o ano improvisando, cando o que necesitamos para reverter o declive demográfico son políticas públicas de fomento da nosa economía

No inicio deste mandato o goberno municipal do PP puxo en marcha a iniciativa do “Baby Box” para incentivar a natalidade no noso concello. É evidente que non funcionou e proba agora, a poucos día de rematar o ano, co empadroamento express, unha improvisación desesperada de última hora, logo de 365 días de 2022 nos que non fixo absolutamente nada para darlle a volta a situación demográfica do noso concello.

Xa en 2018 desde o BNG alertamos sobre a perda continua de poboación no noso concello, que nos levaría a baixar dos 20.000 habitantes. Se daquela estabamos preto, hoxe estámolo aínda máis de baixar a barreira demográfica que terá consecuencias importantes para o concello, tanto a nivel económico como social.

Como dixemos, a situación de perda de poboación é grave porque unha das primeiras repercusións será nos ingresos que recibe o concello de distintas administracións, entre elas o PIE (Participación nos Ingresos do Estado). Se baixamos dos 20.000 habitantes, e estamos moi preto de baixar de categoría, o concello percibirá menos ingresos por este concepto. Segundo a FEGAMP en 2016 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, entre os que se atopa A Estrada agora mesmo, percibiron 205 euros por habitante, mentres que os concellos de 5.001 a 20.000 habitantes percibiron 188 euros por habitante. As contas están claras.

Sen embargo, fronte a este importante repto, a resposta do goberno municipal do PP son o “Baby Box” e o empadroamento express, cando o que se necesitan é políticas públicas de fomento da nosa economía. Así, desde o BNG pensamos que o descenso continuo de poboación débese a inexistente política económica do goberno municipal do PP; non teñen proxecto, só fan aquelo que lle propoñen desde algunha consultora ou desde algunha empresa.

As propostas que puxo en marcha o goberno son unha mostra máis de que nos atopamos ante un PP que non ten unha estratexia clara para reconducir o declive socio-económico no que está inmerso o concello por culpa das políticas que os sucesivos gobernos da dereita. Estamos ante un PP que non ten rumbo certo, nin capitán nin tripulación que sexa capaz de pilotar o goberno municipal; de seguir así vannos levar contra os cantís.

É o momento de dar un golpe de timón á política económica; a construción dunha nova Alameda non nos vai salvar de baixar de categoría, o que nos pode salvar é a construción de solo industrial público para elevar a actividade económica e fomentar o emprego. Na vila hai que abrir novas rúas, ordenar e desconxestionar o tráfico para que sexa cómodo entrar e saír, unha cuestión na que axudará sen dúbida a construción da Variante.

Tamén é importante que se poida vivir e traballar no rural, onde os veciños e veciñas teñan os mesmos servizos que na vila.