O alcalde debe liderar unha iniciativa para mellorar a seguranza vial na N-640 ao seu paso pola vila


Os remendos da N-640 ao seu paso pola vila. Imaxe Google Earth ano 2017

Xoán Reices: “López non pode estar permanentemente de brazos cruzados contando os atropelos nas rúas da Estrada”

Os accidentes na N-640 ao seu paso pola vila son habituais. “Demasiado habituais como para tomar medidas”, afirma o candidato do BNG, Xoán Reices. “En 2019 rexistráronse cinco atropelos, un deles mortal, hai unha semana outro accidente”, engade.

“No BNG cremos que é tempo de tomar medida, de feito temos impulsado iniciativas no Congreso a través do noso deputado Néstor Rego, e máis recentemente presentamos unha emenda aos orzamentos de 2023 para mellorar a seguranza vial, que lametabelmente PSOE e Unidas Podemos votaron en contra”, explica o candidato nacionalista.

O candidato do BNG insiste en que é necesario tomar medidas para mellorar a seguranza vial da N-640 ao seu paso pola vila da Estrada, “é o momento de que o alcalde lidere esta reivindicación, non pode estar permanentemente de brazos cruzados contando os atropelos nas rúas da Estrada”, afirma Reices. “Neste sentido,” engade, “López ten que impulsar unha iniciativa política e social que lle dea un impulso á Variante e reclame melloras de seguranza vial na N-640”.

“Desde o BNG xa dixemos en moitas ocasións que a Variante é unha das claves para mellorar a seguranza vial na vila”, afirma, “cantos menos coches pasen polo centro mellor, mais tamén hai que tomar outras medidas como pasos peonís elevados outro tipo de medidas que freen a alta sinistralidade que se rexistra neste tramo da N-640”.