O BNG quere saber cantas persoas hai censadas na Estrada a 31 de decembro de 2022


Xoán Reices: “Mentres A Estrada baixa, baixa de poboación, baixan os ingresos, baixa a actividade económica…, o soldo do alcalde é o único que sobe, pasando dos 55.000 € brutos que cobraba no mandato de 2015-2019, a 58.372 € brutos de 2022”

Tras as últimas declaracións do alcalde a respecto do número de persoas censadas no noso concello, o BNG da Estrada vén de rexistrar unha pregunta a través da súa concelleira Susana Camba sobre o censo de poboación.

Segundo explicou o candidato á alcaldía Xoán Reices, “os datos que publicou o IGE recentemente sobre o censo da Estrada están claro, no mes de xullo de 2022 eramos 19.916 persoas, un número que baixa o noso concello de categoría, aínda que, evidentemente, son datos provisionais e falta aínda por confirmalo”.

“Con todo”, explica Reices, “en declaracións á prensa o alcalde rebate estes datos do Instituto Galego de Estatística, e neste sentido, entendemos que a veciñanza da Estrada ten dereito a coñecer cal é o dato exacto, cal é o número exacto de persoas censadas a 31 de decembro de 2022”.

“Aquí xa non valen trucos nin declaracións”, engade, “a nosa concelleira rexistrou a pregunta e a resposta terá que ser por escrito.”

O candidato á alcaldía do BNG indicou que “que A Estrada baixe dos 20.000 habitantes terá consecuencias económicas para as arcas municipais, obviamente sociais, xa que con menos ingresos repercutiría nos servizos que presta o concello, e tamén consecuencias políticas, xa que ao baixar desa cifra o pleno da corporación pasaría de 21 concelleiros e concelleiras a 17”.

“O que xa teñen claro a estas alturas os nosos veciños e veciñas é que mentres A Estrada baixa, baixa de poboación, baixan os ingresos, baixa a actividade económica…”, afirma Reices, “o soldo do alcalde é o único que sobe, pasando dos 55.000 € brutos que cobraba no mandato de 2015-2019, a 58.372 € brutos”. “Se o concello fose unha empresa, que non o é”, engade, “e avaliásemos a xestión e os resultados está claro que a López habería que despedilo como alcalde”. “Os veciños e veciñas teñen na súa man facelo no mes de maio”, engade, “apostando por unha candidatura que cree nas potencialidades do noso concello”.