Teremos un “smartparking” de 161.000 euros, pero a maioría do rural está sen saneamento


Pantallas de A Estrada Dixital

Xoán Reices: “López pensa que os veciños e veciñas teñen a intelixencia do automatismo de rego da Alameda que funciona cando chove, mais a veciñanza dáse conta destas cousas, de que se gastan os cartos públicos sen dor, pero cada día ten menos e peores servizos”

“O goberno de López, e por extensión o PP, é experto en dilapidar cartos públicos”, afirma o candidato do BNG á alcaldía, Xoán Reices. “Proximamente A Estrada contará cun sistema de aparcadoiros intelixentes ou smartparking, que nos custaron 161.000 euros; 70.000 euros tamén custou o baño autolimpiábel da Alameda que ao final non se limpaba só ou tamén temos o automatismo intelixente de rego intelixente da Alameda ou da Praza da Feira, que entra en funcionamento cando chove”, engade.

“Temos que recordar que un goberno do PP colocou na praza do concello unhas pantallas con información diversa, que se pagaron con cartos públicos, que ao cabo dun tempo outro goberno do PP quitou”, explica Reices. “A Estrada tamén contaba con tarxetas de fidelización intelixentes para o comercio local ou para os clubes deportivos”, engade, “todo iso tamén se pagou con cartos públicos que a día de hoxe non está en funcionamento”.

“Como se pode ver, no goberno de López hai pouca intelixencia á hora de gastar os cartos de todos e todas, son cartos que non lle doe, non saen directamente do peto do alcalde nin dos concelleiros do Partido Popular”, afirma o candidato do BNG.

“O goberno de López vai gastar 161.000 euros nun smartparking, pero a maioría das parroquias do rural non teñen saneamento, esta é a triste realidade”, indica Xoán Reices. “Temos un goberno municipal que vive instalado na propaganda permanente; López pensa que os veciños e veciñas teñen a intelixencia do rego da Alameda que funciona cando chove, mais a veciñanza dáse conta destas cousas, de que se gastan os cartos públicos sen dor, pero cada día ten menos e peores servizos”.

Xoán Reices tamén aludiu á presentación do candidato López ás vindeiras eleccións explicando que “en maio está nas mans dos veciños e veciñas acabar con este tipo de dispendios do goberno de López e aposte por un goberno que atenda as necesidades da veciñanza e pola posta en valor da potencialidades do noso concello”.