
Xoán Reices: “Isto non pode seguir así, xa sabemos que o alcalde non move un dedo por nada, mais non BNG non nos imos quedar de brazos cruzados mentres semana tras semana sucédense os accidentes, sen que se tomen medidas
Montse Prado: “é inexplicábel e unha irresponsabilidade que a Xunta xestionada polo PP non tome cartas no asunto e se tome a serio a seguranza vial que ten alarmados aos centos de veciños e veciñas da Estrada que utilizan a diario este vial
O BNG denunciará no Parlamento Galego a alta sinistralidade que se rexistra na PO-841, entre A Estrada e Santiago de Compostela. Na mañá de hoxe, Xoán Reices, candidato do BNG á alcaldía, e Montse Prado comprobaron in situ o tramo no que se concentran un elevado número de accidentes de tráfico, á altura da parroquia de Baloira.
Segundo explicou Xoán Reices “no BNG estamos moi preocupados polo elevado número de accidentes que se rexistran no tramo de Baloira, sen que até o momento a Xunta apenas tomou algunha iniciativa, que sen embargo non tiveron o efecto desexado”. “Un medio de comunicación local contabilizou 7 accidentes en apenas 6 meses; isto non pode seguir así, hai que tomar medidas”, afirma o candidato do BNG, “mais como xa sabemos que o alcalde non move un dedo por nada, nós no BNG non nos imos quedar de brazos cruzados mentres semana tras semana sucédense os accidentes”.
“Neste sentido”, engade Reices, “chama a atención que aínda hoxe a Xunta non arranxou os quitamedos do cruce de Baloira e o que hai preto do Rollo, que quedaron desfeitos logo dos accidentes rexistrados hai xa dous meses”.
Polo súa parte, a deputada do BNG, Montse Prado, que visitou a zona e comprobou o tramo da estrada PO-841, explicou “é inexplicábel e unha irresponsabilidade que a Xunta xestionada polo PP non tome cartas no asunto e se tome a serio a seguranza vial que ten alarmados aos centos de veciños e veciñas da Estrada que utilizan a diario este vial”.
“O BNG xa levou iniciativas neste sentido”, explica a deputada nacionalista, “lamentabelmente rexeitadas polo PP, como foi a iniciativa que levamos en 2018 na que pedimos o arranxo do perigoso cruce de Baloira que dá servizo ás parroquias de San Xiao de Vea, San Xurxo de Vea, Santo André de Vea, Frades e, por suposto, a Pontecesures.”
A deputada do BNG indicou que “polo BNG non vai quedar, insistiremos unha vez máis no Parlamento Galego para que a Xunta tome medidas efectivas contra o alto número de accidentes da PO-841 que comunica A Estrada con Santiago de Compostela, así como o perigoso cruce de Baloira, un arranxo necesario e demandado polos veciños e veciñas da zona”. “Pido ao PP que sexa sensíbel, que se tome a serio a seguranza vial deste tramo que utilizan a diario centos e centos de veciños e veciñas da Estrada”, afirma.