
Xoán Reices: “Este servizo pode ser útil para os veciños da vila, mesmo para uso municipal, pero para os que viven no noso rural non o é, afirmar o contrario é descoñecer a realidade da Estrada”
Onte o alcalde da Estrada presentou o coche compartido que poderán facer uso os veciños e veciñas da Estrada. O candidato á alcaldía do BNG, Xoán Reices, afirmou que “unha cousa é presentar un servizo que está por ver se vai ser útil para os veciños e veciñas, e outra cousa é converter a praza do concello nun escaparate da marca do coche en cuestión”.
“De todos os xeitos”, engade Reices, “estivemos investigando sobre o servizo Vive Hyundai e desde o BNG cremos que non se adapta á realidade dun concello rural galego, amplo e disperso como o noso”. “Así, botando un ollo ao mapa de concellos nos que está presente este servizo”, explica o candidato do BNG, “só hai dous en Galicia, un deles é o concello de San Xoán de Río e o outro Fisterra, pero logo vemos que o resto de concellos son de Castela onde a poboación está concentrada nun único núcleo, onde efectivamente un servizo como este pode ser útil aos seus veciños e veciñas”. “Desde logo non vai ser útil a un veciño ou veciña que vive en Requián, en Montillón, en Orazo, … nin sequera en Toedo, que está máis preto do núcleo, xa que ese veciño ou esa veciña que quere utilizar ese coche, tería que desprazarse antes á vila para collelo”, explica Xoán Reices, “resumindo: non ten sentido”.
“Este servizo pode ser útil para os veciños da vila, mesmo para uso municipal, pero para os que viven no noso rural non o é, afirmar o contrario é descoñecer a realidade da Estrada”, explica Xoán Reices.
Para o candidato do BNG “a presentación deste servizo é un acto electoralista de López, que presenta un servizo que será gratuíto até a campaña municipal, cousa que desde logo non é casual”.