Un ‘smartparking’ non tan intelixente


O concello da Estrada gasta 161.000 euros nunhas pantallas que sinala os aparcadoiros públicos en rúas que non existen, e por riba non utiliza a nosa lingua

Hai poucas o BNG da Estrada denunciaba o gasto excesivo que supoñía as pantallas do “smartparking” que ten un custe para as arcas públicas de 161.000 euros. Así pois, desde a organización poñen novamente o foco das súas críticas neste novo sistema de sinalización dos aparcadoiros públicos.

O candidato á alcaldía, Xoán Reices, explicou que o “ao final o ‘smartparking’ non é tan intelixente como se lle presume polo seu elevado custe, xa que non só incumpre a ordenanza municipal de normalización lingüística que obriga que a sinalización ten que estar en galego, senón que ademais utiliza nomes de rúas que xa non existen, como ‘Capitán Bernal’ que en 2019 pasou a integrarse na ‘Avenida de América’, logo do acordo plenario de 2006”.

“Mais non só iso”, explica Reices, “senón que teñen escrito mal o nome da Rúa Ponteareas; todo un despropósito que define a un goberno do PP que é un trapalleiro, e o que é peor, mal gasta os cartos dos veciños e veciñas, cando hai necesidades máis apremiantes como o saneamento do rural”.

O candidato nacionalista insta ao goberno municipal a “corrixir esta chapuza, non só no que afecta aos nomes das rúas, senón á utilización da nosa lingua tal e como figura na ordenanza municipal”.

Por outra parte, o candidato do BNG tamén fixo fincapé no mantemento deste novo sistema de sinalización. “O goberno municipal ten que informar á veciñanza sobre o custe de mantemento do ‘smartparking’; cremos que tendo en conta o seu elevado custe, o: mantemento para garantir o seu correcto funcionamento, máis alá do período de garantía, non será pequeno”, explica. “Agardo que o goberno de López tivese en conta este aspecto antes de decidirse a gastar 161.000 nunhas pantallas”, o goberno do PP non se caracteriza por avaliar nos seus proxectos os custes de mantemento que van a implicar para as arcas municipais. Engade ademais, “hai poucos anos nas rúas da Estrada tamén había pantallas por todas partes e agora non hai ningunha, o custe do mantemento acabou por retiralas tan rápido como se puxeron”.