
Xoán Reices: “O alcalde ten que tomar medidas, mesmo xudiciais para frear o parque eólico do Campos das Rosas”
Este venres no Parlamento Galego debateuse a iniciativa do BNG para encargar un informe independente sobre o impacto do parque eólico do Campo das Rosas. A iniciativa defendida polo deputado nacionalista, Luís Bará, buscaba atallar a instalación dos muíños de vento nunha zona de grande interese medio ambiental na que habitan cabalos salvaxes. A iniciativa foi rexeitada polo PP.
O candidato do BNG, Xoán Reices afirmou que “o voto negativo do PP á iniciativa do BNG confirma o que xa todos sabiamos, que o goberno de Rueda está vendido ao lobby eléctrico que espolia os nosos recursos, sen que iso repercuta dalgún xeito no tecido socio-económico do noso país e xa non digamos no noso concello”.
“Por outra parte”, engade Reices, “a negativa do PP no Parlamento a facer un novo estudo de impacto ambiental deixa en mans do alcalde e do goberno municipal a iniciativa para frear este parque eólico que afectará gravemente ao medio ambiente, á fauna do Campo das Rosas e por suposto, á festa da Rapa das Bestas”.
“López xa non pode tirar balóns”, engade Reices, “agora tócalle ao alcalde estar á altura das demandas dos veciños e veciñas de Sabucedo.”
O candidato nacionalista recordou que no pleno de febreiro o PP rexeitou a urxencia dunha moción do BNG que “instaba ao goberno municipal a iniciar medidas concretas, mesmo xudiciais, contra o parque eólico que pretende construír Naturgy no Campo das Rosas, derivando o asunto nunha comisión”.
“Desde o BNG entendemos que o goberno do PP non pode demorarse máis”, afirma Reices, “ten que tomar a iniciativa; López ten que elixir: ou está con Naturgy e a Xunta que aprobou este proxecto ou está cos veciños e veciñas de Sabucedo que rexeitan o parque eólico”. “De momento parece que se coloca ao lado dos seus e do lobby eólico, deixando tirados aos veciños e veciñas”, engade.
“Por outra parte”, engade Xoán Reices, “no BNG estamos sumamente preocupados pola inacción deste goberno a respecto dos parques eólicos que se instalarán proximamente no noso concello; hai varios proxectos en marcha, un é o do Campo das Rosas e outro o de Castrovalente, ambos xa contan coa bendición da Xunta e en ambos casos está en perigo o noso patrimonio inmaterial e material respectivamente”.