BNG critica a privatización do persoal das piscinas e da praia fluvial


Xoán Reices: “Estamos ante un goberno inoperante, que está de brazos cruzados ante os problemas da veciñanza, que cobra por unhas responsabilidades que non exerce”

O goberno municipal do PP vén de anunciar a licitación do persoal das piscinas e da praia fluvial por un importe de 49.000 euros. O candidato do BNG, Xoán Reices, pregúntase “que fai o goberno de López, porque non fan máis que privatizar servizos e quitarse responsabilidades de enriba”.

“Os veciños e veciñas da Estrada deben saber que cinco membros do grupo municipal cobran 128.000 euros en dedicacións exclusivas, unha cifra á que habería que sumar o importe que cobra o deputado, o Sr. Constenla, con cargo ao orzamento do Congreso, que ademais é concelleiro de Medio rural, entre outras”, afirma. “Ao noso entender o goberno municipal de López cobra moito por facer moi pouco”, engade.

“Privatizar, privatiza e privatizar, ese é o verbo que sabe conxugar o goberno de López, que presume de boa xestión e o único que saben facer é licitar, en algún caso, como a recollida do lixo, pola porta de atrás, xa que aínda non foron quen de traer a privatización deste servizo ao pleno”, explica Xoán Reices.

O candidato do BNG afirma que “estamos ante un goberno inoperante, que está de brazos cruzados ante os problemas da veciñanza, que cobra por unhas responsabilidades que non exerce.”

“Por outra parte”, engade Reices, “este tipo de licitacións, préstase ao chanchulleo e ao caciqueo do persoal ao cargo destes servizos, unha maneira de contratar pola porta de atrás aos amigos do PP, no canto de optar por unha contratación pública e transparente, que é o que debía facer este goberno”.