
Xoán Reices: “A empresa Monbús, que ten un monopolio de facto no transporte por estrada no noso país, fai literalmente o que lle dá a gana; isto ten que cambiar”
Veciños e veciñas do BNG puxéronse en contacto co BNG para denunciar os graves incumprimentos da empresa Monbús nos horarios que ten estabelecido na concesión do transporte público entre A Estrada e Santiago de Compostela.
Segundo explicou o candidato do BNG, Xoán Reices, “a empresa Monbús, que ten un monopolio de facto no transporte por Estrada no noso país, fai literalmente o que lle dá a gana, cambiando horarios segundos as necesidades da empresa non en función ca concesión que lle outorgou a Xunta de Galiza”.
“Desde o BNG isto parécenos moi grave, xa que prexudica a estudantes e traballadores e traballadoras que utilizan diariamente o traxecto A Estrada-Santiago e viceversa”, explica Reices, “e o grave é que a empresa Monbús fai cambios ao seu antollo e sen avisar, deixando en moitos casos aos veciños e veciñas literalmente tirados”.
O candidato do BNG explica que “non é de recibo esta actitude déspota de Monbús, os contratos están para cumprilos e a Xunta de Galiza ten que velar polo seu cumprimento e senón cumpre ten que sancionar á empresa de xeito exemplar”.
“Neste sentido”, explica Reices, “trasladamos esta problemática á nosa deputada no Parlamento Galego, Montse Prado, que ser reunión con persoas que se viron afectadas polos cambios repentinos de horarios de Monbús, e presentou unha serie de iniciativas e preguntas, que no esencial piden a Xunta obrigue a esta empresa a cumprir os horarios establecidos nas condicións de explotación e tamén insta á administración autonómica a iniciar un expediente sancionador diante dos incumprimentos levados a cabo pola concesionaria do servizo de transporte público desta liña.” “Desde o BNG cremos que isto non pode quedar en nada, ten que haber sancións e graves contra esta empresa que prexudica aos veciños e veciñas da Estrada coa súa actitude déspota”, engade.
Por outra parte parte, o candidato do BNG tamén subliñou o escaso papel xogado polo alcalde da Estrada. “Cónstanos que López é coñecedor deste problema e cónstanos que non fixo nada ao respecto”, explica, “aínda este xoves recibimos por correo a queixa dun usuario que se quedou literalmente tirado en Compostela ás 9 da noite, un horario que figura mesmo na web do concello da Estrada e na da empresa, porque ese autobús só chegaba até Pontevea”.
“Como xa temos denunciado”, explica Reices, “o alcalde está sempre de brazos cruzados ante os problemas que teñen os veciños e veciñas, non move un dedo por nada, e ben que cobra por atender as demandas da veciñanza”.
“Por outra parte”, engade Reices, “desde o BNG cremos que estes problemas co transporte público son inadmisíbeis nun momento no que desde as administracións públicos se está a fomentar o uso deste medio de transporte; para moita xente é o único medio de transporte, e para outra tanta é único xeito de ir traballar ou estudar a un prezo asequíbel, ante a subida dos prezos dos carburantes”. “Se as administración apostan polo transporte público, e entendemos que así debe ser, estas actitudes por parte desta empresa non son admisíbeis”, afirma Reices.