
Xoán Reices: “O PP utiliza as institucións para anunciar na Estrada unha obra que de momento non vai pisar o noso concello, e que vai ter nula repercusión nos tempos de desprazamento a Santiago de Compostela, e o que é peor, que converterá Pontevea nun funil”
Onte no Instagram do concello da Estrada unha publicación daba conta da reunión do alcalde, José López, coa conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, onde se anunciaba aos veciños e veciñas da Estrada a licitación do tramo A Ramallosa – Pontevea, da AG-59. Na publicación tamén se indicaba que podería facerse a conexión entre A Estrada e Santiago en 10 minutos.
O candidato do BNG á alcaldía, Xoán Reices explicou que “López vende fume e o grave é que o fai a través das redes sociais do concello, no canto de facelas desde as súas persoais. É imposible chegar a Santiago de Compostela en 10 minutos a menos que López faga como Baltar e vaia a 200 kilómetros por hora”.
“Pero á marxe diso”, explicou o candidato do BNG, “o que se vai licitar é o tramo que vai da Ramallosa a Pontevea, polo que para A Estrada pouca ou nula repercusión vai ter a curto prazo esa ampliación da autovía”. “É máis”, engade Reices, “non deixa de ser un acto de propaganda electoral do PP que usa as institucións ao seu antollo para vir á Estrada a anunciar unha obra que de momento non vai pisar o noso concello, e como dixen, pouca repercusión vai ter nos tempos de desprazamento, xa que, como o propio alcalde recoñece, vai converter Pontevea nun funil, onde van ser habituais os atascos”.
Por outra parte, o candidato do BNG tamén reiterou o posicionamento encontra do trazado da AG-59 escollido pola Consellaría de Infraestruturas. “Desde o BNG xa dixemos que ía ser desastroso desde todos os puntos de vista”, afirma Reices, “de feito fomos o único partido que presentou alegacións ao proxecto pedindo un novo trazado menos lexivo medio ambientalmente, porque vai afectar o noso patrimonio, posto en valor no seu día con cartos públicos que pronto van verse enterrados, así como a terras agrarias de Santa Cristina de Vea e Cora”. “Ademais,” indica Reices, “o proxecto de autovía tamén discorrerá entre as casas de Santa Cristina de Vea, especialmente no Rollo, cuxos veciños e veciñas verán como se deteriora a súa calidade de vida.”