
Xoán Reices: “Desde o BNG cremos que hai que levantar o asfalto, polo menos nos anacos que están peor, e volver a asfaltar; a solución rápida de López só servirá para pasar as eleccións”
O concello parcheou as fochancas do Souto de Vea, máis dun mes máis tarde de que o BNG da Estrada denunciara o mal estado deste vial. Con todo, no BNG amósanse críticos coa solución, xa que, segundo explica Xoán Reices, “isto é só un apaño para pasar as eleccións, xa que dentro duns meses volverán a saír as fochancas, como aconteceu desde o último bacheo, hai xusto un ano”.
“Desde o BNG cremos que hai que levantar o asfalto, polo menos nos anacos que están peor, e volver a asfaltar”, afirma Reices, “a solución rápida do concello é unha chapuza”.
O candidato do BNG afirma que “o alcalde, que mesmo foi revisar o parcheado chapuceiro que fixeron, dándolle o visto e prace, non respecta aos veciños e veciñas do Souto de Vea e aos centos de persoas que pasan todos os días por este vial, camiño de paso para ir a Santiago de Compostela”.
“Por outra parte”, engade Reices, “volvemos a insistir en que é necesario pintar o vial, delimitando os carrís e as zonas de aparcadoiro”. “Tal e como está agora é un perigo”, explica, “é unha irresponsabilidade ter este vial municipal nestas condicións tendo o volume de tráfico que ten”.