Presentamos o programa para transformar A Estrada


Queremos poñer en marcha un proxecto de concello vivo, dinámico, consciente do seu potencial e orgulloso do seu patrimonio cultural e arquitectónico

A situación socio-económica do concello non é boa. Baixos comerciais pechados, edificios públicos e privados baleiros e un rural abandonado debuxan un panorama desolador, agudizado nos últimos anos de goberno do PP.

Desde o BNG xa fixemos saltar as alarmas xa hai moito tempo, avisando de que este camiño conducíanos ao desastre e que era importante cambiar de rumbo. Sen embargo o goberno municipal de López, que dirixiu o concellos os últimos 12 anos, fixo caso omiso ás advertencias do BNG e hoxe o concello camiña a paso firme cara a perda máis que probábel dos 20.000 habitantes, síntoma inequívoco de que así non imos ben.

Se algo temos claro no BNG é que un concello baixa cando non hai dinamismo económico, neste sentido é clave ampliar o solo industrial público para facilitar o asentamento e a ampliación de empresas, en especial do sector do moble e da madeira.

Por outra parte, o concello tamén ten que ser o motor da economía ampliando a trama viaria, abrindo novas rúas, como Rúa 25 de Xullo até as Colonias ou prolongando a Rúa Antón Losada até a Avenida de Pontevedra. Esta ampliación non só crearía novo solo edificábel, senón que serviría para desconxestionar o centro da vila, ordenando a caótica circulación xerada pola improvisación do PP.

Rescatar o noso patrimonio

Outro dos puntos centrais do noso programa será o rescate do noso patrimonio, en especial, da Torre e o Pazo de Guimarei. Desde o BNG comprometémonos a explorar todas as vías posíbeis, mesmo a expropiación, para que estes elementos patrimoniais sexan de todos os veciños e veciñas.

Non nos resignamos a ver a Torre e o Pazo nunha silveira. Queremos poñela en valor para que sexa unha das referencias turísticas do noso concello ao tempo que un espazo de lecer no que acoller todo tipo de actividades.

Queremos un rural vivo

A pesar de que o alcalde diga o contrario, o rural da Estrada está abandonado. López presume de números, pero a realidade imponse, en 12 anos de goberno non foi quen de sanear unha soa parroquia. Isto si sería un cambio transformador e motivo para presumir. Mais López presume de asfaltados, cousa que hai que facer para manter en bo estado a rede viaria municipal, no canto de presumir de saneamentos. Sen embargo, en moitas parroquias os asfaltados chegan tarde, como os que anunciou hai unha semana en Vea e Guimarei, logo das denuncias do BNG.

O rural é algo máis que asfaltados. Queremos un rural vivo, con servizos e produtivo, por iso para o BNG a praza de abastos será o núcleo vertebrador das canles de comercialización dos produtos do rural que queremos dinamizar, promovendo tamén pequenas industrias de transformación e conservación para aumentar o valor engadido. Poremos en marcha a marca “Producido da Estrada” como selo de garantía de calidade dos produtos do rural.

Os veciños e veciñas da Estrada merecen máis

Os veciños e veciñas da Estrada merecen tamén un goberno que atenda as súas necesidades, entren ou non dentro das competencias municipais. Así, comprometémonos a que un goberno do BNG será o dique de contención contra o boom eólico espoliador que asolaga os nosos montes e o noso patrimonio material e inmaterial, como por exemplo en Sabucedo ou en Castro Valente.

En resumo, temos un programa para poñer en marcha un proxecto de concello vivo, dinámico, consciente do seu potencial e orgulloso do seu patrimonio cultural e arquitectónico. Queremos que A Estrada sexa un Concello BNG, un modelo a seguir como o hoxe o son Pontevedra, Allariz, Tomiño, Carballo, Ribadeo…

Con este programa, que poñemos a disposición de todos os veciños e veciñas na nosa web, queremos que A Estrada que recupere o impulso económico, que sexa motor de creación de emprego da nosa comarca e que teña por bandeira ser o concello do moble e da madeira, do comercio de proximidade, cun rural vivo e con servizos.

É o momento de apostar por unha A Estrada nova, verde, integradora, máis xusta e con máis igualdade.

Descárgao aquí!