A igualdade non pode quedar nun mero acto protocolario e aparencial


Potenciar o CIM, novo plan de igualdade e reformular o Premio 8 de Marzo, son algunhas das propostas do BNG en materia de igualdade

Hai poucos meses o noso candidato á alcaldía, Xoán Reices, denunciou a través dos medios de comunicación, que unha atracción pagada polo goberno municipal do PP reproducía cancións machistas, nun espazo reservado para os nenos e as nenas. Calquera goberno municipal minimamente sensibilizado coa igualdade de xénero ordenaría eliminar este canción do repertorio da atracción. Sen embargo o goberno de López nada fixo ao respecto sobre esta ofensa a todas as veciñas do noso concello.

Isto pon en evidencia, que, máis alá dos lazos e das luces con que o PP adorna o concello en datas como o 8 de marzo ou 25 de novembro, este goberno non fai nada a prol da igualdade e todo queda en pura e simple aparencia.

No BNG queremos transformar o concello, tamén desde a igualdade. Por este motivo, Vanesa Iglesias e Susana Camba, candidatas do BNG da Estrada, mantiveron no día de hoxe un encontro con mulleres, que traballan en diversos eidos, así como militantes e simpatizantes do BNG, para explicar as nosas propostas en materia de igualdade de xénero, mais ao mesmo tempo escoitar as súas achegas nesta materia.

A Estrada merece máis igualdade

Se temos responsabilidades de goberno o BNG potenciará o Centro de Información e Atención ás Mulleres, mellorando o seu orzamento para garantir un funcionamento estábel e ampliaranse as súas competencias. Calquera actuación do Concello deberá contar cun informe sobre o impacto de xénero para corrixir os nesgos de xénero na acción municipal. Realizarase unha campaña específica de divulgación do CIM para facilitar o coñecemento e o acceso ás mulleres do noso concello facendo efectivo o compromiso activo na prevención e no tratamento da violencia de xénero.

O concello da Estrada ten un plan de igualdade, que, como vimos e denunciamos hai poucos meses, é papel mollado. Neste sentido, o BNG revisará o Plan de Igualdade que actualice a análise da situación das mulleres no noso concello e as medidas a desenvolver para superar a situación de desigualdade, con especial atención ás precisas para conseguir a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Desde o BNG tamén propoñemos reformular o Premio do Concello co gallo do 8 de marzo e modificaranse as bases de xeito que se promovan referentes na superación da desigualdade e a loita contra a discriminación de xénero en calquera das súas vertentes.

No BNG cremos que a igualdade non pode quedar nun mero acto protocolario e aparencial, hai quedarlle contido e actuar para transformar o noso concello nun concello referente nas políticas de igualdade. Estamos convencidas e convencidos de que A Estrada merece máis igualdade.