A mocidade da Estrada merece políticas específicas para expresar toda a súa potencialidade


No BNG cremos que a xuventude e as súas capacidades deben ser potenciadas como axentes fundamentais de cambio e futuro do País.

Actualmente na Estrada non contamos con ningunha política específica de xuventude, o goberno do PP delega as súas responsabilidades en asociacións ou empresas privadas que non son suficientes para atallar o grande problema -especialmente despois da pandemia- de soidade e agravamento de enfermidades mentais na xente máis nova por falta de esperanza e opcións de futuro. No BNG cremos que a xuventude e as súas capacidades deben ser potenciadas como axentes fundamentais de cambio e futuro do País.

Desde o BNG propoñemos a reapertura inmediata da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil). Reabriremos e enriqueceremos a OMIX con profesionais e psicólogas, educadores sociais, sexólogas, orientadores laborais que estarán á disposición da mocidade para as súas consultas e axuda. Debemos atallar con prevención os suicidios na xente nova e os problemas mentais como a depresión, problemas derivados pola incomprensión, o bulling, as malas situacións económicas nos fogares, a falta de liberdade sexual… Fomentaremos a educación en sexualidade e coñecemento da mesma para previr relacións abusivas ou de maltrato, mediante charlas, talleres e encontros coa xente nova. Fomentaremos a educación en Igualdade e Masculinidades. Poremos a disposición da xente nova persoas asesoras e orientadoras para que poidan informarse de saídas laborais alternativas e convenientes para cada caso.

Centro cívico interxeracional no antigo ambulatorio

Unha das principais carencias da mocidade do noso concello é que non ten un espazo de seu. Neste sentido, desde o BNG concentraremos no Centro Cívico que propoñemos erguer no antigo ambulatorio, así como en outros espazos públicos do concello, alternativas de ocio á inxesta de alcol e ao “botellón” , a saber; actividades nocturnas nas fins de semana como talleres (arte, música, manualidades, artesanía, deseño…), deportes indoor, cineclubes autoxestionados polos mozos e mozas, exposicións e mostras de arte, salas de ensaio adecuadas para a creación musical, intercambios culturais con alumnado extranxeiro, excursións, creación dun podcast…. Para iso axudarémonos das empresas locais en educación

O Centro Cívico debe converterse no eixo vertebrador e de xuntanza, casa común da xente nova e da xente maior, xa que neste espazo, grande abondo, tamén acollería un centro de día. Sería un espazo de intercambio xeracional e sementeira de creación artística e cultural como alternativa á soidade e falta de motivación na mocidade, mais tamén da xente maior.