Queremos poñer en marcha os “núcleos de centralidade parroquial”


Escola de Santo André de Vea

O rural é algo máis que asfaltados. No rural hai unha intensa actividade socio-cultural e no BNG queremos acondicionar eses espazos dotándoos con todo tipo de servizos

No rural da Estrada hai moitos espazos onde hai unha intensa actividade social e cultural, como pode ser Couso, Ouzande, Orazo, Santo André de Vea, … A maioría deses espazos mantéñense grazas ao traballo dos veciños e veciñas que poñen todo o seu entusiasmo e dedicación para ter nun estado aceptábel as súas instalacións.

Mais no BNG cremos que o rural da Estrada merece máis e por iso queremos poñer en marcha a rede de Núcleos de centralidade parroquial, que consistiría basicamente en restaurar e acondicionar estes espazos dotándoos de todo tipo servizos para que os veciños e veciñas poidan socializar e relacionarse, así como realizar todo tipo de actividades culturais e sociais.

Como dixemos antes, a maioría destes espazos, mantéñense activos grazas á implicación dos veciños e veciñas, sen nula ou escasa participación do goberno municipal. No BNG queremos darlle a volta a esta situación, queremos que o concello se implique na rehabilitación e mantemento destes espazos.

O rural é algo máis que asfaltados. Non pode ser todas as actuacións dun goberno municipal se concentren na vila como acontece agora, deixando o resto do noso concello á marxe dos investimentos, veñan estes da Xunta, da Deputación ou dos fondos europeos como a EDUSI.