Polo desenvolvemento sostíbel e o benestar social

Pretendemos concretar un programa para facer do Concello un motor da economía local que favoreza o emprego e o investimento ao mesmo tempo que fortaleceremos e ampliaremos os servizos sociais e as políticas activas que nos permitan construír un concello máis xusto, igualitario e incluínte. Para iso trataremos ademais dos eixos básicos das actuacións en economía e urbanismo ou en servizos sociais, outras políticas sectoriais que complementen as medidas transversais para cumprir o noso obxectivo dun goberno municipal útil para o beneficio da maioría das veciñas e veciños da Estrada.

Isto enmarcámolo desde unha perspectiva nacionalista que supón a aposta polo noso, o apoio as vantaxes comparativas das que dispón a nosa Terra e un modelo autocentrado e sustentábel que desenvolva os nosos potenciais económicos. Ao que engadimos a nosa posición de esquerdas a prol de eliminar as desigualdades e as inxustizas sociais cun programa que facilite o acceso e inclusión a toda a poboación.

Xa que logo, o BNG defende un proxecto político e económico alternativo, baseado na intervención pública na economía a prol do traballo produtivo e no afortalamento dos servizos públicos e sociais, como medio para acadar o medre económico do noso concello, tendo como obxectivo a recuperación do emprego e a corrección das desigualdades sociais que se concretan nas seguintes medidas de carácter sectorial.

FACENDA

Ante a situación de crise económica na que nos atopamos, o BNG considera que o concello debe asumir un papel activo na reactivación económica local. Esta longa crise económica limitou a capacidade de financiamento do concello , mais o BNG non pretende paliar esta situación coa suba indiscriminada dos impostos municipais aos veciños e veciñas da Estrada, senón que se debe actuar en dous eixos:

  • Reestruturación do gasto, fundamentalmente no capítulo de persoal, mediante unha reorganización do cadro de persoal en función das necesidades do concello, mellorando a eficacia, e de acordo coa capacidade económica municipal, e non incrementando innecesariamente o persoal e cun custe económico inasumíbel para as arcas municipais como pretende toda Relación de Postos de Traballo (RPT) que propoñen.
  • En xeral hai que aplicar políticas de redución do gasto corrente que permita aumentar os fondos propios do concello adicados ao investimento e, xa que logo, contribuír ao incremento da capacidade produtiva da Estrada.

Incrementar os ingresos polas seguintes vías:

  • Reclamar das administracións estatal e da Xunta de Galiza o financiamento das actividades actualmente a cargo da administración municipal, e que non son da súa competencia (sanidade, ensino, seguridade pública, conservatorio de música, etc).
  • Aumentar a capacidade recadadora do concello como consecuencia da incidencia da actividade municipal na recuperación económica da Estrada. Co PXOM aprobado temos que ir ao desenvolvemento das infraestruturas recollidas nel, e ao desbloqueo da actividade construtiva, nomeadamente no rural.
  • Actualización permanente dos padróns recadatorios para adecualos á realidade existente. E recuperar para o concello a capacidade recadatoria de todos os impostos e taxas, agora cedida ao ORAL. Un concello non só debe controlar o gasto, debe controlar todos os ingresos que xera.

URBANISMO E VIVENDA

No período de elaboración do PXOM o BNG presentou unha serie de propostas cara a conformación da vila como un centro comercial e de servizos, non só do concello da Estrada, senón tamén que fora referencia dunha comarca máis ampla que o propio ámbito municipal, dando un tratamento ao centro urbano que capacite para acoller ademais dos habitantes da vila aos posíbeis visitantes procedentes do rural e concellos limítrofes.

Para iso é necesario completar o entramado viario para acadar unha circulación áxil e construír zonas de aparcamento gratuíto en superficie rodeando o centro urbano, actualmente colapsado, no que se atopa a maioría da oferta comercial e de servizos, potenciando estes sectores económicos como alternativa aos grandes centros comerciais, maioritariamente de capital transnacional, que actúan como expropiadores do aforro galego desviándoo cara outras partes do Estado e mesmo fóra del. Configurando a vila tamén como alternativa á masificación das cidades con grandes dificultades para a circulación e onde é case é imposíbel atopar un aparcadoiro que por enriba é de pago.

Mais nos últimos tempos, na medida en que se foi incrementando a edificación no centro e polo tanto a densidade de poboación, fóronse suprimindo prazas de aparcadoiro, dificultando o acceso á vila dos veciños e veciñas do rural que teñen que resolver o seus problemas e facer as xestións de tipo administrativo ou compras, e que a falta dun transporte público que conecte o rural coa vila teñen que desprazarse nos seus propios vehículos que logo non teñen onde deixar, reproducíndose así o problemas que xa teñen as cidades.

Ante esta situación o goberno municipal non é capaz nin se propón buscar unha solución a esta conxuntura (fiando todo á iniciativa privada), mais ben ao contrario, escoitamos propostas que limitan cada máis as zonas de aparcadoiro e dificultan a circulación como a de peonalizar a rúa principal sen antes resolver os inconvenientes que esta situación provocaría ou acometer a ampliación da Alameda cun alto custe económico que non é prioritario, e en todo caso, pódese conseguir se gravar ao concello tal como se recollía anteriormente no propio PXOM.

Por todo isto, tendo xa aprobado o PXOM, o BNG presenta as seguintes propostas para solucionar os problemas anteriormente citados:

Dotar a vila das seguintes zonas de aparcadoiro en superficie:

  1. Nos terreos entre as rúas Gradín e Santo Antón, con acceso rodado desde a primeira e peonil (escaleiras) pola rúa Santo Antón, iniciando as actuacións necesarias para a compra dos terreos.
  2. Na parte posterior da Casa das Letras. Iniciar a execución do SUD R10. Concentrar o solo correspondente por cesións ao concello na zona traseira da Casa das Letras e mercar o solar-almacén que linda con este na parte oeste, coa finalidade de que o edificio quede illado de todo tipo de construcións, e ter unha entrada ao aparcadoiro desde a avenida Benito Vigo. Apertura da rúa que conecta a estrada de Forcarei cara rúa do Matadoiro desde o entronque desta coa estrada de Ouzande.
    Desenvolvemento do SUNC R01 e R02 co fin de obter terreo para dúas zonas de aparcadoiro, unha á altura da Praza do Mercado, con acceso a esta, a Rúa Antón Losada e ao Cruceiro. Outra no tramos final da avenida de América (xa utilizada actualmente como aparcadoiro).
  • Execución do SUNC R03 para situar unha zona de aparcadoiro nos terreos comprendidos entre a Rúa Fermín Bouza Brei e a parte posterior do colexio Pérez Viondi.
  • Eliminar zona hora e zona de residentes.

Apertura das seguintes rúas, ademais das xa citadas entre a estrada de Forcarei e a rúa Matadoiro:

  1. Prolongación da Rúa 25 de Xullo até as colonias, desenvolvendo os polígonos polas que percorre, o que permitiría configurar o espazo urbano na zona nordeste da vila, preservando o entorno das Rúas Leicures e Esmorís, incluíndoas nunha zona verde, situar unha zona de aparcadoiros na confluencia coa rúa Leicures para dar servizo á feira os días de mercado, e reservar terreos provenientes de cesións ao concello para a construción de vivendas de promoción pública.
  2. Apertura da prolongación da Rúa Antón Losada até a estrada de Pontevedra completando unha vía de circunvalación entre as colonias e o Pedregal, alternativa ás existentes.
  3. Apertura do vial entre a estrada de Forcarei no entronque coa estrada de Ouzande e a avenida de Pontevedra conectándoa coa Rúa Fermín bouza Brei.

Estas propostas unha vez executadas, completaría así unha trama viaria que contribuiría a desconxestionar o tráfico polo centro da vila e conformar un novo espazo urbano.

A respecto das propostas presentadas para a ubicación das zonas de aparcadoiros empregarase o sistema de prazas amplas con arborado, que lle dea maior vistosidade, con aproveitamento urbanístico na contorna como medio para conseguir os terreos.

Por último, hai que facer unha valoración do custe destas actuacións e elaborar un plano plurianual de investimentos para acometer a súa realización no prazo que se adecúe a capacidade económica do concello.

Todas as propostas aquí recollidas de interese para o desenvolvemento urbanístico do concello, a iniciativa da súa posta en marcha non pode depender (como se recolle no PXOM) exclusivamente da iniciativa privada, xa que logo, ten que ser asumida polo concello en réxime de cooperación, sempre que antes dos prazos que se teñan fixados non fora posta en marcha a súa execución por parte de particulares, pero sempre dentro dos parámetros aquí definidos.

Buscaremos a situación idónea para a construción dun cemiterio municipal, cunha demanda social importante que rache co monopolio que neste eido ten a igrexa católica, rebaixando substancialmente os prezos.

ZONAS VERDES E PEONÍS

  • Apostamos por dispersar as zonas verdes e de lecer por todo o casco urbano. Neste sentido non gastaremos miles de euros do PXOM en ampliar a actual alameda, senón en crear varias áreas para que todas as veciñas e veciños teñan preto unha área verde e de lecer.
  • A recomendación da U.E. é a de 5 metros cadrados de zona verde por habitante, que se pode aplicar ás vivendas de nova construción, sobre todo de obra social.
  • Na Estrada as poucas zonas verdes existentes son fincas particulares entre edificios, hai que potenciar zonas verdes públicas.
  • Restaurar a alameda, plantando máis árbores. No canto de terra ou area, plantar herba.

A respecto do solo do campo de fútbol da Baiuca, o BNG sempre mantivo un posicionamento crítico sobre o desmantelamento desta céntrica e completa infraestrutura deportiva, trasladándoa para os terreos da AGASP. Esta decisión do actual goberno municipal do PP obríganos a plantexar unha solución aos terreos que fican libres logo deste desmantelamento. Neste sentido, a proposta do BNG para a zona da Baiuca pasa por estabelecer unha zona verde e de lecer, e adicar unha parte dos terreos a ubicar servizos como a escola infantil ou o centro día, ambos as dúas infraestruturas moi necesarias hoxe en día.

Revisar camiño real, aproveitándoo como zona peonil.

SOLO INDUSTRIAL

No actual contexto socio-económico a maior preocupación de toda a sociedade, e a Estrada non é unha excepción, é a creación de postos de traballo, unha tarefa na que, aparentemente, están implicados os gobernos, desde o municipal ao estatal, pasando pola Xunta de Galiza. Neste sentido, o noso concello tamén debe contribuír na súa medida a acadar ese obxectivo, tomando as medidas necesarias para dotar de solo apto para a instalación de industrias na Estrada con carácter urxente, xa que actualmente está esgotado o terreo dispoñíbel no polígono de Toedo e paralizado o proxecto da Cidade do Móbel.

Por este motivo o novo goberno municipal debe xestionar directamente a ampliación do polígono industrial de Toedo como medio de garantir a obtención de solo industrial a prezo asequíbel para as empresas, evitando a especulación. Neste sentido, hai que iniciar xa os trámites para a compra e urbanización do terreo de xeito progresivo, pero adiantándose sempre á demanda, non delimitar previamente a superficie das parcelas, sen poñer á venda os metros cadrados que se adecúen ás necesidades das empresas, e xestionar con outras administracións (consellaría de industria) a edificación de naves que en réxime de alugueiro estean a disposición de empresarios ou traballadores autónomos que non dispoñan do capital necesario para merca unha parcela e construír unha nave en propiedade.

VIVENDA

O BNG comprométese a levar a cabo políticas que permitan que todas as persoas poidan exercer o dereito a ter unha vivenda digna e a un prezo acorde coa súa capacidade económica con actuacións dirixidas a:

  • Obtención de solo para a construción de vivendas de promoción pública.
  • Instar acordos coa administración pública galega para financiar a edificación e para a creación dun parque público de vivendas de aluguer con un prezo de arrendamento que non supere o 20% das rendas familiares.
  • Promover a construción no rural creando solo edificábel en función das necesidades da poboación como medio para frear o grave problema de despoboamento que o PP está a provocar coas súas políticas económicas e urbanísticas, restrinxindo e encarecendo o solo edificábel e desprazando a poboación rural cara os centros urbanos para favorecer o enriquecemento das promotoras privadas., xerando especulación e a corrupción consecuente co actual modo de xestión urbanística. Todo elo no canto de favorecer a autopromoción do que a construción rural e o seu máis característico expoñente.

Por outra parte, tamén propoñemos as seguinte medidas a respecto da calidade das vivendas:

  • Sistemas de “vivenda pasiva” mediante unha modificación no IBI ou outros mecanismos. É dicir, que dependa o mínimo da enerxía exterior. Promover illamentos térmicos correctos e materiais adecuados para evitar a humidade e facilitar a correcta ventilación e aproveitamento calorífico. Que as vivendas sexan todo o autosuficientes que se poida e os inquilinos dependan o mínimo das empresas enerxéticas.
  • Potenciar a restauración e rehabilitación fronte á nova construción, e na medida do posible con material ecolóxico.
  • Modificación da ordenanza municipal para permitir a construción de soportais nos edificios que se fagan de nova contrución e nos rehabilitados, sempre que a súa ubicación no entramado urbano fose posíbel.

MEDIO AMBIENTE

Para o BNG o respecto ó medio ambiente é garantía de futuro e benestar; proba delo é a acción política que se veu facendo o longo dos anos nos que o BNG contou con representación no concello; sempre apostamos por alternativas ao modelo actual de depredación dos recursos naturais. Temos demandado reiteradamente alternativas ao sistema actual de recollida do lixo, a necesidade de contar con sistemas de depuración das augas residuais axitados ao noso concello, presentamos mocións en contra do uso de animais en espectáculos, e outras moitas que abalan a nosa traxectoria e o noso compromiso coas alternativas o actual sistema de destrución do medio no que vivimos.

As liñas prioritarias coas que pretendemos desenvolver este punto son as seguintes:

  • Unha política de xestión da auga que teña como principal obxectivo acadar un subministro de auga de calidade, unha mellora nas infraestruturas de rega e manter e mellorar as condicións ambientais dos cursos fluviais e das augas subterraneas; para elo seguiremos os principios de: minimizar o custe do subministro de auga potable e do tratamento das augas residuais e conseguir un aforro na auga consumida. Para acadar estes obxectivos propomos as seguintes medidas:
  • O saneamento do rural é unha das prioridades para o BNG para o que se buscarán alternativas viábeis aos custosos sistema de depuracións actuais. Apostamos por tratamentos biolóxicos baseados en filtros verdes ou lagunaxe, máis axustados a realidade dos caudais que se producen nos núcleos rurais.
  • Temporalmente organizarase un servizo de recollida de augas negras para aqueles veciños ou veciñas que así o soliciten no concello. Os residuos derivaranse a plantas de tratamento de biocombustíbeis e abonos.
  • Apoio á conservación e recuperación de infraestruturas de rega (pozos, presas).
  • Dotación de servizos básicos para o subministro de auga potable (redes públicas e apoio ás actuacións veciñais).
  • Por en marcha accións que faciliten o compromiso individual e colectivo coas melloras do estado ecolóxico do noso entorno. Sensibilizar acerca das relacións existentes entre o actual modo de vida e produción e o estado ecolóxico do noso entorno. Para isto propomos as seguintes medidas:
  • Crear unidades de información ambiental cara ao cidadán, cun horario accesíbel, preferentemente orientados ou localizados en centros cívicos, que a súa vez faciliten respostas rápidas e concretas.
  • Estabelecemento de programas educativos de sensibilización e concienciación para a redución do consumo e fomento do aforro na eficacia enerxética.
  • Potenciarase a recollida selectivas con intensas campañas de información.
  • Avanzar na xestión ecolóxica do lixo e na sustentabilidade económica da mesma, perseguimos lograr a redución do 10% e reutilización e reciclado do 50% dos residuos domésticos que fixa a normativa legal en vigor; apostando por proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe alternativos ao actualmente fracasado modelo de SOGAMA, de xeito que se aumente a porcentaxe de lixo reciclado e se creen un maior número de postos de traballo vinculados a recollida e tratamento do lixo. Para isto propomos as medidas seguintes:
  • Aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos
  • Mellora da recollida, transporte e tratamento de residuos sólidos urbanos en todos os puntos do concello (vila e rural).
  • Non apostar nunca pola incineración polos seus graves problemas ambientais a causa das emisións.
  • Eliminación dos vertedoiros ilegais e incontrolados.
  • Apoio e fomento de iniciativas de implantación da compostaxe doméstica e comunitaria.
  • Medidas que impidan o uso de animais en espectáculos en base a súa protección e benestar, ao considerar que a súa exhibición e as condicións de vida supoñen unha crueldade para os mesmos e son contrarios a transmitir valores relacionados co respecto cara aos seres vivos e o contorno. O BNG no goberno municipal aplicará as medidas seguintes:
  • O concello non autorizara nin promovera ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal.
  • Declararemos este concello “vila libre de circos con animais”.
  • Non se permitirá a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais no termo municipal.
  • Vixilancia e cumprimento da lexislación vixente referida ao benestar e protección dos animais.

Outras das medidas que levaremos a cabo coa nosa acción de goberno son as seguintes:

  • Redución da contaminación atmosférica, acústica e lumínica.
  • Normativa acerca das instalacións de antenas de telefonía celular.
  • Inspección e control das actividades molestas, nocivas, insalubres e perigosas.
  • Incluír criterios de bioconstrución nas novas edificacións realizadas polas institucións e empresas municipais.
  • Elaboración dun plan de eficiencia enerxética do concello.
  • Fomento do uso do transporte público.
  • Fomento do uso da bicicleta como medio de desprazamento alternativo.

BENESTAR: A PROL DA INCLUSIÓN SOCIAL

No contexto de crise económica que afecta á maioría da poboación desde hai máis dun lustro é fundamental aumentar as partidas orzamentarias da administración pública destinadas a gasto social para tratar de paliar os efectos que está a causar no conxunto da sociedade, especialmente naquelas persoas que, ante unhas taxas de desemprego en constante aumento, son máis susceptíbeis de sufrir unha situación de exclusión social e pobreza. Desde a oposición á aplicación no noso Concello da Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local e da defensa do exercicio das competencias en materia de servizos sociais exercendo ao máximo as posibilidades de actuación mesmo mediante a defensa xuridica, se for necesario, as principais medidas que defende o proxecto nacionalista BNG-Asembleas Abertas, son:

  • Actuacións Sociais Básicas que se garanten no Concello da Estrada:
    • Servizo de Información e Orientación e Asesoramento.
    • Servizo de Axuda no Fogar nas modalidades de Libre Concorrencia e Dependencia e apoio ás familias coidadoras.
    • Servizo de Inserción, convivencia social e aloxamento.
    • Deseñarase un plano local de inclusión social, onde se identifiquen os principais colectivos vulnerábeis da zona e se articulen políticas integradoras e transversais. Incluirá entre as medidas o establecemento de Prestacións económicas Municipais dirixidas a paliar con rapidez situacións derivadas da carencia de recursos económicos (emerxencia social, saúde, vivenda, etc.) para o que se aprobará un regulamento no que se establezan as tipoloxías, requisitos, procedemento de solicitude e tramitación, etc.
    • Atenderase especificamente ás persoas perceptoras de RISGA
  • Implementar un Plan de emerxencia social para Galiza co obxectivo de paliar a grave situación de pobreza existente. Este incluirá medidas efectivas de natureza económica como que se cumpran os prazos para o cobro da RISGA ou programas de vivenda efectivos que garantan que ningunha persoa ou familia será desafiuzada da súa vivenda. Será deseñado de forma transversal por todos os departamentos do goberno galego en diálogo co persoal profesional dos servizos sociais, os movementos sociais, os sindicatos e os axentes sociais implicados.
  • Reivindicar unha Renda de Garantía Social que teña como principal obxectivo evitar que ningunha persoa residente na Galiza caia ou permaneza na pobreza e na exclusión social.
  • Esixir da Xunta de Galiza o mantemento e ampliación do Plan Galego de Inclusión Social, prestado con equipos públicos e en coordinación cos servizos de atención municipais.
  • Desenvolver programas de Intervención Comunitaria en lugares de especial problemática social, en colaboración co movemento asociativo, ONG-sociais, colexios profesionais…
  • Atender situacións de pobreza extrema e favorecer a inserción profesional de novos grupos en risco de exclusión (persoas desempregadas de longa duración, persoas con discapacidade…).
  • Elaborar un Programa Municipal de Accesibilidade e Mobilidade en colaboración coas asociacións de discapacidade do concello.
  • Mellorar os servizos de asistencia existentes ou crear aqueles que se xulgaren necesarios.
  • Promover programas de envellecemento activo e achegar a actividade deportiva ás persoas maiores na vila e nas parroquias.
  • Promover a creación dun Centro de Día para persoas dependentes.
  • Atender as necesidades específicas das persoas con discapacidade para lles achegar programas de actividade física ou deportiva.
  • En materia de migracións as principais medidas a levar a cabo son:
    • Proporcionar información a inmigrantes e emigrantes retornados, xestión de trámites, etc., e promover iniciativas, en colaboración coa administración autonómica, dirixidas ao colectivo para a súa inserción social, laboral e cultural.
    • A nivel escolar, programas de respecto e coñecemento intercultural: semana da gastronomía, xogos, vestidos, etc.
  • En canto as Condutas Aditivas as principias medidas a levar a cabo son:
    • Impulsar o Plano local de toxicodependencias e outras adiccións, tendo en conta a necesidade dunha visión global, cunha particular atención ao alcol, ás ludopatías e as novas adiccións. As actuacións en materia de adiccións responderán ás seguintes estratexias básicas:

. Prevención: Dentro da cal e importante crear actividades de ocio saudábel orientado cara os/as nenos e adolescentes; e desenvolver programas informativos tanto a nivel educativo como a través dos medios de comunicación.

. Recuperación e rehabilitación: integrar A Estrada na Rede de cidades saudábeis, facilitar o acceso ás unidades asistenciais e desenvolver actividades de promoción da saúde que abarquen a problemática sociosanitaria actual (integración social, fracaso escolar, medio ambiente, estilos de vida, coidados de persoas con discapacidade,…).

    • Impulsar a creación, como órganos de participación cidadá no ámbito da saúde, do Consello Municipal da Saúde, de xeito que se realice unha planificación das actividades coas organizacións sociais (asociacións de veciños, de enfermos, de consumidores, de nais e pais, de empresarios, sindicatos, ecoloxistas).
    • A respecto da mocidade diversificaranse e ampliaranse os espazos de lecer, facilitando actividades e espazos lúdicos alternativos (actividade deportiva, obradoiros, etc.

IGUALDADE

A plena realización do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é un obxectivo estratéxico do BNG nos concellos, e polo tanto se traduce no desenvolvemento de políticas transversais dirixidas especialmente a atinxir ese obxectivo.

Actuacións Estruturais:

  • Elaborarase un Plan de Igualdade: coa finalidade de conseguir a conciliación da vida laboral e familiar.
  • Impulso ao asociacionismo de mulleres e homes.
  • Compromiso de elaborar de xeito progresivo orzamentos sensíbeis ao xénero, medindo, sempre que sexa posíbel, o impacto das políticas municipais na perspectiva de xénero, mediante a desagregación dos datos por sexo.
  • Potenciarase o centro de información e atención ás mulleres.
  • Compromiso activo na prevención e no tratamento da violencia de xénero.
  • Fomentarase o asociacionismo de mulleres e homes pola igualdade.
  • Actuacións Sectoriais:
  • No ámbito económico a prioridade e favorecer a inserción laboral das mulleres, para o cal é necesario elaborar planos de formación e capacitación e favorecendo a constitución de cooperativas de mulleres.
  • No ámbito do ensino fomentaranse iniciativas e campañas de coeducación para unha educación non sexista e de prevención da violencia machista. Tamén se promoverán obradoiros de “bos tratos” e de “corresponsabilidade doméstica” como actividades extra-escolares en colaboración con ANPAS e centros escolares.
  • En canto ó deporte impulsarase a participación da muller na práctica deportiva a todos os niveis, promovendo a igualdade de xénero no deporte.
  • No referido ó ámbito cultural, fomentaranse aquelas actividades nas que as mulleres sexan suxeitas activas creadoras de cultura e garantirase a visibilización das mulleres estradenses propiciando investigacións e estudos ao longo da historia, como recoñecemento ó valor do traballo feminino, adoptando medidas divulgativas e promovendo a súa presenza nos espazos públicos: nomes de rúas, prazas, instalacións públicas.
  • Por último no referido á saúde promoveranse programas elaborados e desenvolvemos dende a perspectiva de xénero.

Identidade de xénero:

  • Organizar, promover e desenvolver campañas que desmonten os prexuízos socias a respecto da homosexualidade, difundindo unha cultura non homófoba.
  • Potenciar o servizo de asesoramento xurídico gratuíto para casos de discriminación por razón de opción sexual.
  • Desenvolver cos sindicatos, organizacións patronais e colectivos cívicos, un espazo de traballo para a non discriminación pola orientación sexual, deseñando recursos e estratexias para lograr a igualdade de de dereitos.
  • Incluír cláusulas nas ordes de axudas e subvencións que impliquen que se poderá retirar ou denegar a mesma para aquelas entidades, públicas ou privadas, que pola súa actividade ou ideoloxía incorran ou promovan a homofobia, transfobia e/ou actos de discriminación contra as persoas por razón da súa condición sexual.
  • Elaboración dun libro branco con medidas positivas para o tratamento respectuoso e digno as persoas LGTBI nos medios de comunicación.

EDUCACIÓN

O BNG da Estrada velará e cooperará para que a planificación e ordenación educativa deseñada e executada pola Xunta de Galiza garanta a prestación dese servizo público cos mesmos parámetros de calidade en todo o territorio.

Como criterio xeral, o Concello da Estrada non asumirá no ámbito educativo funcións nin investimentos que non lle son propios correspondéndolle á administración galega o mantemento do sistema educativo, incluíndo servizos complementares. Neste sentido, estarase ao estabelecido no Pacto Local. Porén desde o goberno municipal cooperaremos poñendo a disposición da administración educativa os terreos necesarios para a ampliación e/ou mellora dos nosos centros educativos (Pérez Viondi, por exemplo) e colaboraremos para que os nosos centros estean ben dotados e en boas condicións e permitan ofertar un ensino de calidade e dos servizos complementarios necesarios.

  • Rede de centros educativos: desde o Goberno estradense colaboraremos estreitamente coa Xunta de Galicia na mellora do ensino público no termo municipal da Estrada, optimizando os recursos públicos. Nas etapas educativas de ensino obrigatorio e segundo ciclo de educación infantil, o BNG estradense defenderá para o Concello da Estrada unha rede de centros axeitada ás condicións xeográficas e demográficas de Galiza, con centros educativos situados o máis preto posíbel do lugar de residencia do alumnado do municipio estradense, material e humanamente dotados para garantir un ensino público igualitario e de calidade. No ensino post-obrigatorio (Bacharelato e Ciclos Formativos) defenderemos unha rede de centros comarcal que garanta a implantación dunha oferta educativa completa.
  • Mantemento dos centros educativos e cesión de terreos: o BNG estradense traballará para facer efectiva a previsión recollida no Pacto Local de asunción por parte da Xunta de Galiza dos custos que soporta o Concello da Estrada derivados do mantemento dos centros de ensino primario. Así mesmo, o BNG da Estrada colaborará desde o goberno municipal coa cesión de terreos para equipamentos escolares.
  • Servizos complementares: o goberno municipal colaborará e participará coa Xunta de Galiza na planificación, deseño e xestión dos servizos complementares, nomeadamente o comedor e transporte escolar, reclamando neste último caso da administración galega a xeneralización do transporte para o alumnado ou fórmulas alternativas que permitan optar aos diferentes ciclos de Formación Profesional sen discriminación por lugar de residencia. En todo caso, o BNG contribuirá desde o Concello da Estrada á extensión das axudas ao transporte escolar da educación postobrigatoria e universitaria.
  • Actividades complementares extraescolares e aproveitamento das instalacións dos centros educativos: prestaremos o apoio e a colaboración do noso Concello co Goberno Galego para garantir a oferta en todos os centros de actividades extraescolares gratuítas, facilitando o uso das instalacións deportivas e culturais municipais. A maiores, no Concello da Estrada o BNG promoverá programas municipais de educación dirixidos aos escolares: coñecemento do patrimonio natural, histórico, etnográfico ou artístico do noso Concello, funcionamento de servizos,… convertendo o Concello da Estrada nun espazo educador. Os centros públicos serán utilizados fóra do horario lectivo para cumprir un obxectivo social máis amplo: actividades culturais, deportivas, educativas, sociais, aproveitamento das bibliotecas escolares,…
  • Ensino universitario: o BNG da Estrada esforzarase por contribuír a unha maior relación entre o tecido empresarial estradense e as universidades galegas. Tendo en conta a proximidade a Estrada das instalación universitarias de Santiago de Compostela, impulsaremos a mellora do transporte público acaído ás necesidades dos/as estudantes da Estrada mediante convenios coa Universidade e procuraranse acordos con as distintas facultades e máis o Consello Económico e Social para a posta en marcha dun Programa de practicas para os estudantes da Universidade nas empresas estradenses.
  • Os consellos escolares municipais: impulsaremos o Consello Escolar Municipal da Estrada como organismo de participación social que farán o seguimento da política educativa no termo municipal estradense.
  • Ademais:
  • Creación de bolsas de estudo destinado a sufragar os estudos daqueles/as estudantes estradenses procedentes de familias de rendas máis baixas.
  • Colaboración coa administración educativa, o desenvolvemento de programas de iniciación profesional dentro do ámbito do Concello da Estrada.
  • Colaboraremos con outras administracións para ampliar a participación nos programas de alfabetización, formación básica e educación de persoas adultas.
  • No marco das medidas para a conciliación da vida laboral e familiar, o BNG da Estrada cooperará coa administración galega na apertura anticipada dos centros e na ampliación de horarios polas tardes.
  • En coordinación coas ANPAS e a Consellaría de educación crearíase a figura da/o “coidador/a” nos centros de ensino.
  • Dende o goberno municipal fortaleceremos as relacións mantidas ata o de agora coas ANPAS estradenses para poñer en marcha iniciativas formativas e que fomenten a participación de pais e nais no ensino.
  • Dende o BNG da Estrada promoveranse campañas e apoiaranse as medidas que incidan na galeguización do ensino no noso Concello.

NOVAS TECNOLOXÍAS

O BNG considera necesario poñer en marcha as seguintes medidas para impulsar a Sociedade da información:

  • Crear unha axenda de actividades e cursos sobre as novas tecnoloxías co fin de crear dinamismo nos rural-centros e integrar na sociedade da información a aqueles colectivos de exclusión dixital.
  • Implantación progresiva de software libre e estándares abertos nos sistemas informáticos municipais.
  • Elaboración dun censo que rexistre aquelas zonas sen acceso á sociedade da información para poder universalizar o dereito á rede das redes.
  • Recuperación do portal de e-formación facendo especial fincapé na orientación e formación laboral.
  • Implantación da e-administración, que permitiría aos cidadáns dispor de servizos municipais máis áxiles, eficaces, transparentes e ter unha oficina de axuda as 24 horas do dia, 365 días ao ano.
  • Co fin de incrementar a participación cidadá, crearanse canles virtuais, foros…
  • Promoveremos a dixitalización dos fondos documentais do Concello da Estrada, poñéndoos a disposicións da veciñanza.
  • Emisión na rede dos plenos do Concello.
  • Realizarase xornadas de sensibilización para pais e fillos respecto ao bo uso das novas tecnoloxías.
  • Mellora da cobertura e velocidade da rede wifi de A Estrada Dixital.

COMERCIO LOCAL

O comercio na Estrada ten, tradicionalmente un grande peso económico e de xeración de emprego; neste sentido o BNG levará a cabo unha política que afortale, impulse e modernice o comercio tradicional ou de proximidade do noso Concello, de acordo coas seguintes liñas de actuación:

  • Mellora do Convenio co Centro Comercial Aberto e reactivación da Comisión de Seguimento.
  • A mellora dos contornos comerciais, rehabilitando e humanizando o centro urbano.
  • Plan de Mellora e Revitalización da Praza de Abastos como punto de referencia principal para a compa-venda de produción de produtos frescos e ecolóxicos.
  • Fomento do asociacionismo comercial:
    • Dotar de locais para a albergar a sede da asociación
    • Programación de actividades formativas para o sector
  • Realización de programas formativos para o comercio de proximidade.
  • Integración de produtos locais e artesanais nos establecementos comerciais do Concello da Estrada.
  • Promoción das Feiras Sustentábeis e incremento da súa periodicidade.
  • Apoio á comercialización en circuíto curto e á creación de Cooperativas de Consumo.
  • Creación dun Centro de envasado e distribución da produción agraria local.
  • Programación de eventos e feiras do pequeno comercio na Fundación de Exposicións e Congresos.

SECTOR DO MÓBEL E CARPITARÍA

Falar do móbel é falar da Estrada. O sector do moble e carpintaría situado no concello da Estrada presenta unha serie de singularidades como a concentración xeográfica das empresas, a calidade de fabricación, e o alto nivel de recoñecemento dos consumidores que lle permiten ser referencia a nivel nacional, estatal e mesmo internacional.

Sen embargo, é necesario potenciar estas singularidades para acadar uns maiores niveis de competitividade e eficiencia que reforcen e consoliden o sector do moble, garantido a sostibilidade e o seu futuro. Para iso, é preciso aproveitar as múltiples sinerxias que proporciona a súa localización xeográfica e a experiencia e o saber facer dos axentes, institucións, empresas e persoas que existen en torno a el.

Medidas concretas para o sector do móbel:

  • Levar a cabo un Plan Estratéxico específico para este sector na Estrada co obxectivo de reforzar e consolidar o sector do móbel garantindo a sostibilidade e o seu futuro. Este Plan Estratéxico sectorial permitirá solucionar temas como a cooperación empresarial, a formación, a comercialización e a internacionalización.
  • Construción e posta en marcha da Cidade do Móbel.
  • Creación do Mestrado da Madeira.

SANIDADE

Desde o goberno municipal no Concello da Estrada o BNG fortalecerá a colaboración cos poderes públicos, fundamentalmente co SERGAS, para garantir o impulso ás melloras que demanda a cidadanía estradense a fin de obter un óptimo funcionamento dos centros de saúde. Pularemos pola resolución dos problemas que presenta o Centro de Saúde da Estrada, así coma pola súa ampliación para a prestación de Consultas Especializadas.

Defenderemos a permanencia dos centros médicos do rural.

Do mesmo xeito, na atención sanitaria especializada nas tres grandes áreas sanitarias de Galiza, demandaranse as melloras precisadas na atención primaria e en urxencias e máis a implantación dos PAC (Puntos de Atención Continuada)…

Dende o goberno municipal o BNG fomentará hábitos saudábeis de vida impulsando a realización de programas e proxectos de saúde en colaboración con outras administracións, centros educativos, equipos de atención primaria e medios de comunicación.

DEPORTES

A acción de goberno do BNG no Concello de A Estrada na área de Deportes seguirá as seguintes liñas de acción:

  • Traballarase para garantir o acceso á actividade físico-deportiva a todas as persoas que o demanden, proporcionando a axeitada supervisión técnica.
  • Promoverase o deporte recreativo como factor de lecer e para a mellora do estado físico, para o cal se facilitará o uso das instalacións deportivas tanto a deportistas federad@s como a xente que non o estexa. (texto alternativo: non só a deportistas federad@s, senón tamén ao conxunto d@s estradenses).
  • A acción de goberno estará encamiñada a promocionar, completar e coordinar o tecido asociativo deportivo estradense. (coa creación do Consello Estradense de Deportes, pode ser unha alternativa para completar este punto e non deixar “descolgado” o Consello noutro punto só para iso).
  • Prestarase especial atención ao deporte escolar e de base optimizando as infraestruturas existentes no territorio municipal.
  • Considerarase o deporte de competición no sentido amplo e non só no dos deportes máis masivos, e entenderase como un estímulo e complemento da práctica da actividade físico-deportiva.
  • Creación do Consello Estradense de Deportes.
  • As liñas de acción nesta área vertebraranse a través da escola, os clubs de base, o deporte recreativo, o deporte federado e os eventos deportivos.
  • No referente aos clubes de base o BNG apoiará unha política de axudas que prime o modelo educativo-deportivo e o traballo por enriba dos resultados meramente competitivos. Fomentaranse as escolas deportivas municipais, ou comarcais de ser posíbel, co-organizadas cos clubes e asociacións deportivas.
  • Traballarase na promoción e posta en valor dos xogos e deportes populares e tradicionais.
  • Poñeranse en marcha itinerarios deportivos e potenciaranse os xa existentes (postos en marcha na etapa de goberno do BNG nesta área), procurando o aproveitamento do noso medio natural e o noso património (roteiros, circuítos populares, programas de camiñada, etc).
  • Elaboraranse planos de racionalización dos espazos lúdico-deportivos do Concello e de humanización da zona deportiva do casco urbano.

TURISMO

O turismo estradense, malia á política levada a cabo polo BNG desde a Concellaría de Medio Rural e Turismo nos anos de goberno, é aínda un diamante en bruto sen explotar na súa totalidade. A Estrada conta con innumerables recursos para o seu goce dende un punto de vista do turismo sostible. Dende o patrimonio artístico e paisaxístico, o inmenso elenco cultural e etnográfico que posuímos, ate a oferta gastronómica; cabe pensar nunha Estrada como centro de atención para milleiros de persoas que apostasen por visitarnos, hospedarse e satisfacer todas as súas necesidades no noso concello; mais para iso, compre dar continuidade ás accións políticas que iniciamos durante o tempo no que o BNG estivemos no goberno da estrada.

Así, traballaremos pola posta en valor das potencialidades turísticas das que dispoñemos e, convertidos estes recursos en produtos turísticos, promocionalos e axudar a comercializalos por parte dos entes turísticos do concello de xeito que Para todo isto levaremos a cabo as seguintes medidas:

  • Elaboración dun Plan de Dinamización Turística. Habida conta da transversalidade sectorial do turismo no concello (empresas que ofertan aloxamento, empresas que ofertan actividades complementarias, empresas que ofertan gastronomía, etc) é imprescindible redeseñar un plan xeral que veña a dinamizar o sector turístico no seu conxunto. Para tal, contarase coa colaboración dos entes implicados: Asociacións e empresas privadas vinculadas ás casas de Turismo Rural, Hostais, Pensións; Restaurantes, Bares e Casas de Comida; Empresas de Turismo Activo, e mesmo Comercio Local.

  • Creación, promoción e comercialización de paquetes turísticos. Aproveitando o singular patrimonio material e inmaterial (arquitectónico, paisaxístico, etnográfico, gastronómico, micolóxico, literario, musical, etc) crearanse diferentes paquetes turísticos cos que incentivar a visita de turistas á Estrada onde se combine o aloxamento, a manutención así como as visitas ás diferentes contornas do Concello da Estrada. De xeito inmediato se retomará o “eliminado da web do concello” Roteiro Castelao así como Os Roteiros Micolóxicos ou o Roteiro do Románico. Do mesmo xeito instaremos a Xunta de Galiza a que retome os programas galegos “Primavera Activa”, “Á procura do Cogomelo” ou “Galicia Natural” a fin de que poidamos volver a ver Turistas nos establecementos hoteleiros e hostaleiros do noso concello.

  • Posta en valor os contornos que incentiven a actividade turística. O patrimonio eco-xeográfico, etnográfico, arqueolóxico e histórico-artístico, así como uns servizos e infraestruturas axeitados e a súa sinalización, son ferramentas indispensábeis para poder satisfacer as demandas de aqueles que aposten por visitarnos. É imprescindible dar continuidade á recuperación e posta en valor do patrimonio rural, tanto material (fontes, lavadoiros, muíños, castros…) como inmaterial (historia local, contos, lendas, música, artesanía, gastronomía, tradicións e costumes) que se iniciou no tempo do goberno do BNG.

  • Promoción do Destino. Potenciaremos o emprego de internet e as redes sociais na divulgación da Estrada como punto de interese turístico así como dos recursos turísticos e para a promoción e comercialización dos Paquetes Turísticos que se creen.

  • Calidade en destino turístico. Levaremos a cabo políticas reais de “calidade” no destino turístico. Apoiarase e incentivaranse a aquelas empresas e entidades que decidan dar o paso de cara a acadar a certificación de Calidade Turística.

  • Formación para o sector. Apostaremos de xeito decidido por unha formación específica naquelas áreas que o sector nos demande en clave de mellora da oferta.

  • Apoio ás organizacións sen ánimo de lucro con finalidades promocionais do Turismo. Apoiaremos especialmente tanto ás asociacións como a calquera outra “formación” que sen ánimo de lucro, teña como finalidade a posta en valor do noso patrimonio, a axuda a creación da Estrada como “destino turístico” e a aquelas entidades que en definitiva colaboren neste proxecto común que é por a Estrada no centro de miras dos posibles turistas.

INFRAESTRUTURAS

A pesar do seu nome, A Estrada é un dos concellos peor comunicados da nosa comarca, o que representa un problema para o desenvolvemento económico do noso concello. Así por exemplo, a conexión coa AP-53 no Alto da Rocha é inservíbel para os vehículos pesados. A conexión coa AP-9 quédanos lonxe, tendo en Santiago de Compostela ou Padrón as conexións máis próximas. E aínda hoxe a vila ten que soportar polas súas rúas un movemento de vehículos moi importante, por non carecer dunha circunvalación que derive o tráfico, especialmente o pesado. Por outra parte, o noso concello conta co maior número de núcleos de poboación de toda Galiza e seguramente de todo o Estado español, o que implica unha extensa rede de estradas, moitas delas en malas condicións. Por todo isto o BNG da Estrada comprométese:

  • A impulsar a construción da Variante da Estrada.

  • A mellorar o enlace da AP-53 no Alto da Rocha.

  • Mellorar da estrada PO-213 (A Estrada-Ponte Ulla).

  • Facer unha análise do estado das estradas do concello, sexan de competencia municipal ou provincial, para levar a cambo un plan de mellora nos próximos 4 anos.

  • Mellora da sinalización do rural.