Unha boa nova: o TSXG suspende cautelarmente o parque eólico de Castro Valente


Xoán Reices: “Este parque eólico está situado enriba dos restos dunha fortaleza medieval o que debería ser motivo abondo para paralizalo definitivamente”

Resto Castro Valente. Foto: Vagalumes

O TSXG vén de anunciar a suspensión cautelar do parque eólico de Castro Valente. Xoán Reices, portavoz municipal do BNG, considérao “unha boa noticia e esperanzadora para outros parques en trámite no noso concello”.

“Hai que lembrar”, engade Reices, “que este parque eólico está situado enriba dos restos arqueolóxicos unha fortaleza medieval, o que, como xa manifestamos con anterioridade debería ser motivo abondo para anulalo definitivamente, de feito, o grave é que a Xunta, a pesar de todo, dese a autorización administrativa pertinente”.

O concelleiro do BNG considera que a suspensión cautelar de Castro Valente pode ser unha boa noticia para todos os veciños e veciñas que están loitando contra o parque eólico de Xesteiros, que quere construír Norvento nos montes de Vea. “Hai que lembrar que Xesteiros e Castro Valente comparten a liña de evacuación, se un parque cae, cabe pensar que isto tamén pode repercutir na execución co segundo, mais imos ser prudentes e agardar acontecementos”, afirma Reices.

Aínda pendentes da copia do recurso do concello

“Por outra parte”, engade, “instamos ao novo alcalde a que remita ao BNG a copia do recurso que presentou o concello o 22 de marzo contra a autorización administrativa previa do parque eólico de Xesteiros”. “Solicitámolo hai un mes”, afirma Reices, “e aínda hoxe non temos a copia solicitada que o ex-alcalde, José López, comprometeuse enviar no pleno que tivemos a principio de mes”. “Supoñemos que o alcalde, tanto o novo como o anterior, non teñen nada que agochar, mais esta demora non é comprensíbel, a pesar dos acontecementos dos últimos días”, explica Reices.