O PP é un Terminator empeñado en deseñar unha vila sen alma


Non imos tolerar que se remodele a Praza da Farola, prescindido do elemento clave que lle deu nome ao centro neurálxico da vila

Desde o BNG da Estrada xa manifestamos en diversas ocasión a nosa posición contraria á reforma da Praza da Farola, xa que entendemos que o actual aspecto ten relativamente poucos anos de construción, e na vila, hai outras rúas e outros espazos que merecen tamén unha atención por parte do goberno municipal, que centra todas as súas actuacións nun único punto, a Rúa Calvo Sotelo.

Mais, desde o BNG non imos tolerar que se remodele a Praza da Farola, prescindido do elemento clave que lle deu nome ao centro neurálxico da vila. Isto é inaceptábel e pelexaremos para que non destrúan as pegadas históricas da vila.

O PP leva anos destruíndo a alma da nosa vila. Eliminaron a antiga alameda para construír outra de cemento armado. Quitaron a pérgola para deixala tirada detrás da Fundación de Exposicións. Permitiron a demolición da maioría dos edificios que dotaban de carácter e beleza á nosa vila, arrebatándolle a singularidade que a facía única. E se nos retrotraéndonos máis no tempo, a destrución da antiga praza de abastos de pedra para construír un mamotreto de formigón e ladrillo, totalmente disfuncional.

Muda o alcalde, pero non mudan as políticas historicidas dun partido, o PP, empeñado en destruír calquera vestixio do pasado, da nosa historia e da nosa tradición, que agocha as súas decisións en base a cuestións técnicas, que demostra a súa covardía política e pon en evidencia, que a única idea política que si teñen clara é a destrución do noso; son peor que Terminator.