O goberno municipal do PP pasa do ambulatorio vello


Desde o BNG puxemos enriba da mesa en reiteradas ocasións a idea de adicar este espazo a un cento de día, un edificio máis amplo que o actual situado na praza de abastos, que podería dar servizo a moitos máis veciños e veciñas

O goberno municipal do PP pasa do ambulatorio vello. Iso é o que se desprende da resposta a unha preguntar rexistrada polo noso deputado Néstor Rego. Segundo manifesta o goberno español a Dirección da Tesourería Xeral da Seguridade Social de Pontevedra “contactou co concello da Estrada para manifestarlle a posibilidade de solicitar a adscrición deste inmóbel, sen que a día de hoxe se recibira solicitude algunha por parte da administración local”.

Desde o BNG puxemos enriba da mesa en reiteradas ocasións a idea de adicar este espazo a un cento de día, un edificio máis amplo que o actual situado na praza de abastos, que podería dar servizo a moitos máis veciños e veciñas. E tamén podería ser un centro multifuncional interxeracional, cun espazo para a mocidade, que dera unha nova vida a un inmóbel situado estratexicamente no centro da vila.

Sabemos que nos últimos meses o goberno do PP estivo moi ocupado facendo cambios, logo da marcha de López, mais non se entende o pasotismo do actual alcalde como do anterior, que deixan abandonado o centro médico vello, e con el toda a zona da Avenida de Santiago.

Desde o BNG manifestamos a nosa preocupación polo elevado número de edificios públicos abandonados. De feito, non é só o vello ambulatorio, tamén están o antigo INEM, a estación de autobuses, o matadoiro (na práctica xa oculto pola vexetación)… que ven pasar os días sen que o goberno municipal teña iniciativa algunha para darlle un uso. O alcalde dirá que non hai cartos, mais o que faltan son ideas e proxecto para este concello.