Decepcionante a resposta e o interese do Ministerio de Transportes sobre os problemas de seguranza vial na N-640


Xoán Reices: “calquera administración minimamente sensíbel tomaría cartas no asunto e faría un estudo –como mínimo- para analizar a situación e buscar solucións”

O BNG da Estrada vén de recibir a resposta ás preguntar rexistradas polo deputado do BNG, Néstor Rego, sobre os atropelos na N-640 ao seu paso pola vila e tamén sobre a Variante.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, “a resposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel é novamente decepcionante. E reitero o de decepcionante, porque é a segunda vez que o Ministerio responde aos requirimentos do BNG con algo que xa sabemos todos os veciños da Estrada, é dicir, que o tramos da N-640 ao seu paso pola vila ‘non ten a consideración de tramo de concentración de accidentes’”.

“Mais na nosa vila producíronse 9 atropelos en 6 anos”, afirma Reices, “calquera administración minimamente sensíbel tomaría cartas no asunto e faría un estudo –como mínimo- para analizar a situación e buscar solucións”. “Sen embargo, o goberno do Estado di que todo está correcto, que a sinalización e os balizamentos son correctos e adecuados e coa limitación de velocidade de 50 km/h en todo este tramo”, engade, “do que se deduce que non van tomar medida algunha para paliar a alta sinistralidade deste tramo da N-640”.

Non que ten a ver coa Variante o Ministerio tamén volve a incidir en algo que xa saben todos os veciños e veciñas, isto é que ‘está pendente de licitación dun contrato de asistencia técnica para a redacción do correspondente proxecto de trazado e construción’ e que ‘a licitación de dito contrato dependerá das dispoñibilidades orzamentarias’. “É dicir”, afirma o concelleiro do BNG, Xoán Reices, “seguimos nas mesmas, a Variante segue paralizada e non hai data para inicio das obras, dado que aínda non se fixo a redacción do proxecto e construción; en resumo, o goberno de PSOE e Sumar pasan da Estrada e das prioridades dos veciños e veciñas”.

“Por outra parte”, indica o concelleiro do BNG, “é lamentábel que esta loita pola seguranza viaria da N-640 ao seu paso pola Estrada a estea levando en solitario o BNG, de feito, en abril presentamos unha moción para instar ao goberno do estado a unha solución a todos estes problemas que afectan a esta estrada clave que atravesa o noso concello, e de momento o goberno municipal nen sequera a levou a pleno, o que demostra tamén a falta de interese do PP para solucionar os problemas que afectan aos veciños e veciñas do noso concello”.