O BNG pide no Parlamento Galego que a Xunta mellore a seguranza vial en Couso


A PO-841, a estrada que vai a Santiago de Compostela, ten rexistrado en numerosas ocasións accidentes de tráfico na parroquia de Cousa. Veciños e veciñas do lugar puxéronse en contacto co BNG demandando melloras na seguranza vial.

Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xoán Reices, “entre os lugares de Barco e Castro hai unha recta bastante grande, na que, a pesar das limitacións, os vehículos pasan a unha elevada velocidade”. “Este feito”, engade, “provocou diversos accidentes, e os veciños e veciñas piden medidas para que rebaixar a velocidade e a sinistralidade no lugar”.

Xoán Reices explicou que “na recta, unha das poucas nas que os vehículos poden adiantar, ten casas aos lados e liñas descontinuas nos cruces coas vías secundarias, o que provocan unha sensación de inseguridade na veciñanza, así como situacións de perigo que é necesario minimizar con medidas de calmado de tráfico”.

A estrada PO-841 é de titularidade da Xunta polo que desde o BNG piden á administración autonómica que dirixe o Partido Popular, que “tome medidas para mellorar a seguranza e a calidade de vidas dos veciños e veciñas”.