Estamos na Estrada ou en New York City?


Desde o BNG instamos ao goberno do PP a rotular en galego as cabinas de control semafórico instaladas na Baiuca

IMG-20160523-WA0002O concello da Estrada vén de colocar na Baiuca unhas cabinas bonitas e lustrosas, -todo hai que dicilo-, mais supoñemos que unha parte moi importante dos veciños e veciñas do concello non saberán para que serven, porque está rotulada só en inglés.

Estas cabinas, que no BNG supoñemos que serven para regular os semáforos, colocadas recentemente polo goberno municipal do PP, incumpren a lei de normalización lingüística ao obviar completamente o noso idioma, que le e entende o 100% dos veciños e veciñas da Estrada.

Unha cidade é moderna e nova, non por utilizar o inglés, senón por proporcionar servizos públicos de calidade aos seus veciños e veciñas, e sobre todo, por respectar a súa lingua e o seu legado cultural e patrimonial. Iso é o que fan as cidades modernas, non só as galegas, que no caso de Pontevedra, gobernada polo BNG, é merecedora de numerosos premios internacionais, senón tamén no resto do mundo. Neste sentido, ten certa ironía que esta cabina tan moderna rotulada só en inglés estea na rúa da Torre que leva á Torre de Guimarei que está caendo a cachos sepultada polas silveiras. Isto non é modero, é atraso!

Instamos ao goberno municipal do PP a rotular tamén en galego as cabinas de control semafórico instaladas na Baiuca. O goberno ten a obriga, non só de cumprir a lei, senón, e sobre todo, de respectar o noso idioma.