Ao PP non lle interesa dar o debate sobre a municipalización da EDAR


O grupo municipal do BNG da rexistrou o pasado 8 de marzo unha moción para municipalizar os servizo de mantemento da EDAR e das estacións de bombeo de Figueiroa, Guimarei e Lagartóns. A día de hoxe o grupo de goberno do PP aínda non trasladou á comisión correspondente e moito menos ao pleno a citada moción, que, no mellor dos casos, terá que agardar até o pleno do mes de xuño para poder debaterse.

Desde o BNG recordamos a urxencia de tratar esta moción polo aforro e mellora na xestión que suporía que o concello asumise directamente o mantemento da EDAR, no canto de facelo a través dunha empresa privada. Asemade, a urxencia do debate desta moción tamén vén dada pola situación de ilegalidade na que se atopa a actual concesión á empresa Viaqua.

Como xa denunciamos no seu día, o grupo municipal do PP vén prorrogando desde 2012 o contrato de mantemento da EDAR á citada empresa, saltándose a lei e renovando a dedo unha adxudicación que a todas luces é ilegal.

Descoñecemos os motivos do PP por adiar o debate sobre a municipalización da EDAR, non sabemos se é que non lle interesa dar o debate ou simplemente están botando contas para aceptar a moción do BNG.

En todo caso, instamos ao alcalde a dar o debate sobre a municipalización da EDAR, porque cremos que é de interese para A Estrada facerse co control dunha infraestrutura que ten e causa serios problemas medioambientais, iso sen ter en conta o problema legal para o concello que supoñen as sucesivas renovación da concesión de mantemento.