O goberno do PP exclúe a nosa lingua e as mulleres


Faixa grandes viajerosA ordenanza municipal de normalización lingüística hai poucas semanas é papel mollado e o goberno do PP non entendeu o significado e importancia das mobilizacións das mulleres do pasado 8 de marzo

A unha semana da celebración do Día das Letras Galegas, o concello da Estrada non pode facer maior desprezo a nosa lingua que colgar unha faixa no balcón do concello en castelán. E isto faino poucas semanas despois de que o pleno aprobe por unanimidade unha ordenanza municipal de normalización lingüística onde o concello da Estrada se comprometía co uso e divulgación do noso idioma.

De feito no artigo 26 da ordenanza dise explicitamente que “o Concello de A Estrada fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal”. Porén onte apareceu colgado do balcón do concello unha faixa do “XIV Encuentro Grandes Viajeros”, excluíndo completamente a nosa lingua, o que demostra unha vez máis o que vimos denunciando desde hai meses, que o goberno do PP fai política para a galería, pero a efectos prácticos, como é neste caso, seguen o catecismo centralista e españolista.

Mais non só iso, o goberno do PP tamén exclúe as mulleres nesa faixa. Semella que non hai mulleres viaxeiras, demostrando que non entendeu nada das grandes mobilizacións que protagonizaron as mulleres o pasado 8 de marzo, tamén no noso concello. Nestas manifestación poñíase o acento na discriminación que sofren as mulleres, non só no mundo laboral, educativo, etc, senón tamén cando sempre a lingua, como neste caso que no se fai uso da linguaxe inclusiva, deixando fóra ás veciñas da Estrada.

Instamos ao concello da Estrada a retirar a faixa do “XIV Encuentro Grandes Viajeros” e substituíla por outra que teña en conta a nosa lingua e tamén ás mulleres. Ademais, instamos ao alcalde a vixiar o cumprimento das ordenanzas que aproba o concello, especialmente no que atinxe á nosa lingua e amosar maior sensibilidade coas demandas das mulleres, mais alá das datas sinaladas no calendario (8 de marzo e 25 de novembro).