A Feira do Moble de Galiza: posicionamento do BNG


WhatsApp Image 2017-09-25 at 23.09.34

Feira do Moble de 2017

O BNG da Estrada quere trasladar á opinión pública, e en particular ó sector do moble, o seu posicionamento con respecto á FEIRA DO MOBLE e en xeral ao sector da madeira.

Na última reunión , promovida pola Fundación con data luns 5 de marzo deste 2018, na que coa presenza da Alcaldía, as forzas políticas da oposición e a xerencia da Fundación, se lles expuxo aos mobleiros as propostas recollidas nun encontro anterior celebrado entre a Fundación e as forzas políticas, para a súa valoración e reflexións derivadas das mesmas, o portavoz do BNG fixo algunhas consideracións que trasladamos a continuación:

PRIMEIRO .- Consideramos a  feira do moble unha marca que merece todos os esforzos tendentes a revitalizala e consolidala como evento de referencia do moble e da madeira.

SEGUNDO.- Non nos parece acertado contemplala como unha mostra para os mobleiros da Estrada e outras empresas que veñan de fóra para “completar espazos”. Pensamos que a mostra debe ser potenciada como referencia do moble na Galiza : “FEIRA DO MOBLE DE GALIZA” debe ser a aspiración do evento, e máis neste intre no que están en horas baixas outras zonas de Galiza e o Estado.

TERCEIRO.- Desde o BNG pensamos que a feira debe sufrir unha serie de cambios profundos, na súa concepción, publicitación e mesmo servizos complementarios. Isto pasa, segundo os nosos criterios, por cuestións como :

  • Que o perfil da xerencia pase de político a técnico con experiencia no sector.
  • Cambio evolutivo nas ferramentas de divulgación e publicitación da feira, con presenza publicitaria en espazos doutros eventos non só a nivel galego, senón tamén no estado e por medio de ministands, medios audiovisuais,  plataformas  dixitais etc.
  • Promoción e potenciación de servizos complementarios da feira :  concesión de servizos hostaleiros e racionalización dos mesmos, espazos de lecer para nenos e mesmo adultos (sá de proxeccións sobre o sector da madeira, produtos e procesos)
  • Racionalización dos espazos de maneira que os adicados ao moble sexan específicos e monográficos e independentes doutros produtos que deberían ocupar espazos aparte.
  • Coidamos así mesmo que o evento debera ser moito máis interactivo. O visitante ou potencial cliente non só debería ter un papel de mero observador senón que debe ser protagonista tamén da feira.

CUARTO.- A xerencia da Fundación pensamos que debería pilotar programas de asesoramento técnico e relación con outros eventos semellantes que se produzan no estado, para recoller información sobre as dinámicas do seu desenvolvemento.

QUINTO.- Así mesmo sería importante establecer relacións con clusters da madeira, como posibles canais de captación de novos expositores.

SEXTO.- A xerencia da Fundación ten que se esforzar en contactos permanentes co sector para recoller propostas, opinións e mesmo compromisos.

Por último, consideramos evidente que isto ten custes, custes que requiren a implicación económica de todas as administracións e organismos que dalgunha maneira teñen que ver co que estamos a falar :Primeiro  a Consellería de Industria como titular da Fundación e despois a Deputación, a Asociación de Mobleiros, Asociación de empresarios, Concello e Cámara de Comercio.

Se se quere reflotar a Feira cómpre facer  unha aposta con riscos pero inevitable, reducindo prezos ós expositores, ofrecéndolles todas as facilidades de infraestrutura posibles.

Cidade do Moble.

Desde a nosa organización consideramos que as dinámicas do moble na Estrada forman parte dun plantexamento global no que se inclúe tamén a facilidade para dispoñer de chan industrial nunhas condicións vantaxosas para a chegada  de novas empresas. Isto é o fin inicial da Cidade do Moble, proxecto que debería activarse xa, para facer da Estrada un asentamento atractivo de industrias do moble ou relacionadas con el.

Por último é de capital importancia que o goberno municipal, sexa da cor que sexa, non se converta nun mero observador do que pasa, senón que exerza como motor activo e convencido para que o sector do moble volva crer no seu papel como axente económico central no noso concello.