O concello da Estrada incumpre a Lei de Normalización Lingüística


sinalsoutodevea
O concello da Estrada vén de instalar un sinal de prohibido aparcar no Souto de Vea na que figura unha lenda en perfecto castelán indicando os días e horas nos que non se pode aparcar nesa rúa.

O BNG denuncia que o que podía ser anecdótico convértese en norma no concello da Estrada desde que goberna o Partido Popular, ignorando por completo a obriga que ten toda administración pública galega de utilizar o noso idioma propio, promovendo o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.

Hai case un ano denunciamos tamén publicamente a deturpación dos topónimos oficiais no noso concello, concretamente na estrada Portela-Souto de Vea, de competencia da Deputación de Pontevedra, e tanto o organismo provincial como o alcalde, que forma parte da xunta de goberno do ente provincial, fixeron caso omiso, non só ás denuncias feitas polo BNG, senón as dos propios veciños e veciñas que reclaman o uso correcto dos topónimos das nosas parroquias e lugares.

Neste sentido, temos que recordarlle ao PP que a mesma Lei de Normalización Lingüística, que xa conta con máis de 30 anos, recoñece que a única forma oficial e correcta de denominar os nosos nomes de lugar é a orixinal, isto é, a galega, e que esa debe ser, a todos os efectos, a única forma de rotulalos e de escribilos. Mais no PP teiman en deturpar a nosa rica toponimia, non só no concello da Estrada, senón en toda Galiza onde hai sobrados exemplos. Sen ir máis lonxe, hai uns días A Mesa pola normalización Lingüística denunciaba que a Deputación de Pontevedra e o concello do Grove apoian economicamente un evento que se celebrará en “La Toja”, no canto de “A Toxa”, que é o topónimo oficial desta illa galega.

Desde o BNG pedimos ao alcalde que respecte o noso idioma, o galego, tanto no concello que goberna como na Deputación, e esiximos a modificación inmediata dos sinais con lendas e topónimos en castelán.

Por outra parte, sospeitamos que este sinal de prohibido aparcar colocouse sen consultar cos veciños e veciñas do Souto de Vea, porque xa nos chegaron queixas dos afectados, que verán restrinxidas a zona de aparcar nunha rúa moi concorrida, coincidindo coa asistencia do autobús de A Banca, unha entidade bancaria que conta cun local perfectamente acondicionado ao lado e que non está a usar.