O BNG quere “darlle a volta á Estrada”


IMG-20141121-WA0005O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, e Tino Regueira, membro do consello local, presentaron hoxe en rolda de prensa a campaña “Dálle a volta á Estrada”. A idea xeral que temos todos e todas as estradenses é que A Estrada vai a pique. Todas as tendencias, económicas, demográficas, nos servizos, etc… son negativas, e desde o BNG consideramos que cómpre un urxente xiro para poñer o noso Concello na dirección do desenvolvemento económico e o benestar social; é urxente un cambio de rumbo, cómpre “darlle a volta á Estrada”. Por iso propoñemos un proceso participativo no que queremos contar con toda a veciñanza do noso concello disposta a achegar propostas de solucións ao noso declive económico e social.

Dentro deste proceso realizaremos como mínimo catro asembleas abertas para debater coa cidadanía as propostas programáticas agrupadas en catro eixos que serán tratadas nas respectivas asembleas:

  • Pola democratización do Concello para rematar coa corrupción, enchufismo e caciquismo.
  • Pola posta en valor do noso patrimonio cultural e natural, para acabar co desleixo, desprezo e ignorancia do propio.
  • Por un concello como motor económico e de servizos públicos para mellorar a calidade de vida e frear o desemprego, as desigualdades e a privatización.
  • Por un rural vivo, con propostas de desenvolvemento sustentábel e servizos para asentar a poboación no noso rico e amplo medio rural.

Tamén abriremos na nosa páxina de internet un buzón de suxestións no que recoller as propostas e inquedanzas dos nosos veciños e veciñas de cara a incorporalos ao noso programa. En cada un destes bloques temáticos abriremos un buzón de suxestións na nosa web para recoller a opinión dos veciños e veciñas da Estrada, unhas propostas que se discutirán en cada unha das asembleas abertas.

Pola democratización do Concello para rematar coa corrupción, enchufismo e caciquismo
Nesta asemblea debateremos as medidas que desde o concello compre tomar para garantir a participación cidadán e a transparencia, con proposta concretas para evitar o xeito discrecional no que se fan as contratas, impedir as discriminacións nos servizos e na dotación de recursos, e a mellora na competencia dos empregados municipais a través dun acceso en función dos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Entendemos que moitos dos problemas que ten o noso Concello son derivados do uso dos recursos institucionais e económicos que posuímos para a satisfacción de intereses de quen os xestiona en vez de poñelos ao servizo da comunidade, seguindo criterios de eficiencia e prioridade. Se esta situación vén de vello e foi imposíbel atallarse até agora a pesares das iniciativas e denuncias polo BNG para facerlle fronte, na situación social e económica que hoxe vivimos e diante da sensibilización contra estas prácticas, cómpre “darlle a volta”, cómpre poñer couto inmediato con alternativas concretas que erradiquen a corrupción de todos os ámbitos de xestión pública do noso Concello.

Esta asemblea celebrarase o vindeiro xoves 11 de decembro, ás 9 da noite no local da Rúa Leicures, e nela presentarase a discusión as medidas que imos levar noso programa elaborado polo Consello Local do BNG tendo en conta as achegas que se realicen a través da web (o buzón estará acceso desde hoxe até o día 10 de decembro) ou outros medios, co fin de ser corrixidas ou ampliadas directamente na propia asemblea.

Advertisements