O BNG-Asembleas Abertas saca á rúa as súas propostas en materia lingüística


Magariños: “A primeira medida que tomarei en materia lingüística será cambiar todos os sinais de tráfico que deturpan os nosos topónimos”

DSC01321O BNG-Asembleas Abertas da Estrada sacou á rúa as súas propostas en materia de lingua cunha exposición fotográfica onde ilustraba as súas principais reivindicacións.

O candidato á alcaldía, Xosé Magariños, explicou que “as administracións públicas teñen a obriga de utilizar o noso idioma en todas as súas publicacións, sinais, etc, porén, vemos que na Estrada non só incumpre esta obriga, senón que vemos como os sinais de tráfico están deturpados, sen que o concello faga nada para cambialo ou para obrigar á administración correspondente a que o corrixa”.

“A Estrada necesita unha volta”, afirmou Magariños, “tamén en materia lingüística.” “O noso concello ten que se caracterizar pola defensa do noso idioma”, engadiu, “e pola promoción da lingua en todos os eidos, desde os sinais de tráfico até a relación cos veciños e veciñas, así como nas publicacións do concello”.

DSC01331O candidato á alcaldía indicou que unha das primeiras medidas que tomará se sae elixido alcalde, “é cambiar todas as sinais de tráfico que deturpan a nosa toponimia, non veremos máis “aguiones” nin “santa marina” nas nosas estradas”, afirmou.

“Por outra parte”, engadiu Magariños, “incluiremos nos pregos de condicións de contratación de obra pública por conta do Concello o uso exclusivo do galego en toda a súa carteleira e sinalización exposta ao público”. “E tamén outorgarase preferencia nas compras e subministros, a aqueles produtos que existan en galego, sendo de especial relevancia o referido a aplicacións e programas informáticos”, engadiu o candidato nacionalista.

Outro aspecto importante no programa electoral de BNG-Asembleas Abertas da Estrada en materia de lingua será a educación. Así, segundo indicou Xosé Magariños, “procurarase que a Escola Infantil Municipal oferte o ensino de 0 a 3 anos en lingua galega, así como a Escola Municipal de Música”. “Se queremos que o galego teña futuro”, engadiu Magariños, “temos que apostar fortemente polo galego na educación”.